Marc Anthony dará un concerto o próximo 13 de xullo na Coruña, na súa terceira actuación en Galicia
As 15.000 entradas estarán á venda este xoves ás 10 horas a través de Internet

O cantante portorriqueño Marc Anthony dará un concerto o próximo 13 de xullo na Coruña, na súa terceira actuación en Galicia. No marco dos Concertos do Xacobeo, Marc Anthony protagonizará un dos espectáculos musicais centrais do verán na cidade, co peirao de Batería do porto como escenario.
"Espéroos o 13 de xullo para gozar xuntos dunha noite inesquecible", dixo Marc Anthony nun vídeo proxectado durante a presentación este martes do concerto. O concelleiro de Cultura da Coruña, Gonzalo Castro, cualificou a iniciativa como un evento "de primeirísimo nivel" que sitúa a cidade e Galicia como "referente" en canto a "grandes eventos musicais".
Castro agradeceu a "colaboración institucional" coa Xunta para lograr un concerto como este, que será un factor que atraia numerosos visitantes. O director de Turismo de Galicia, Xosé Merelles, celebrou o crecemento dos eventos enmarcados nos Concertos do Xacobeo. Coa actuación de Marc Anthony, serán 57 acontecementos en total, dos que 30 serán festivais e outros 27, concertos. As 15.000 entradas estarán á venda este xoves ás 10 horas a través de Internet.