Publicador de contidos

Publicador de contidos

A Oficina de Turismo de Lugo pecha de novo por culpa das ratas

A Oficina de Turismo de Lugo pecha de novo por culpa das ratas

Os roedores rillaron os cables das instalacións, reabertas o pasado mes de febreiro

Os operarios municipais traballan para que o edificio volva ter luz canto antes

Cartel na entrada do edificio, que tamén alberga o Centro de Interpretación da Muralla
Félix Aragunde 11/03/2026 13:53

Había menos dun mes que a Oficina de Turismo de Lugo reabrira as súas portas, tras permanecer pechada dende decembro para selar os buratos do edificio e evitar así a entrada de ratas. Pero os roedores buscaron a forma de acceder outra vez, e fixérono a través das canalizacións dos cables eléctricos, que deixaron estragados. Ante a falta de luz, as instalacións deste céntrico inmoble tiveron que clausurarse de novo.

"Se fose unha praga, imaxino que tamén andarían pola rúa e vería algún, que eu estou todos os días por aquí. Iso ten que ser un problema puntual nese edificio", sinala o hostaleiro José Manuel Fernández. 

Tocante á orixe dos roedores, sospéitase que proceden dalgún ou de varios dos inmobles próximos que se encontran abandonados e con maleza.

"Nós temos a seguridade de que todo se debe a un edificio que hai aí en obras? Non, pero evidentemente dúas e dúas son catro. Unha zona que está abandonada, que está en ruínas e que lles está provocando problemas importantes aos veciños, mesmo chegando aos xulgados, é razoable pensar que tamén ten que ver con esta situación", indica Luis Latorre, presidente da asociación de empresarios Lugo Monumental.

Un traballador do Concello ás portas da Oficina de Turismo Un traballador do Concello ás portas da Oficina de Turismo

Ante a presenza pertinaz de ratas, os veciños e empresarios do recinto histórico da cidade piden que se tomen medidas. É dicir, que se identifique o problema de raíz e que se desraticen os espazos onde crían os roedores. 

"Levamos anos reclamando que se reparen os inmobles que están en ruínas, posto que afectan a zona, pero tamén hai que facer unha campaña de desratización completa, ben feita, para que non haxa este problema", engade Latorre. 

Pola súa parte, dende o Concello de Lugo sinalan que os operarios municipais están a traballar para reabrir a oficina de turismo de xeito inminente. E, no caso de que o problema persista, tomaranse as medidas pertinentes.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade