Publicador de contidos
Publicador de contidos

Como se vive a noite de fin de ano cando toca traballar?

Como se vive a noite de fin de ano cando toca traballar?

Desde a hostalaría aos servizos de emerxencia, pasando por unha estación de servizo, centos de persoas permanecen ao pé do canón para que o resto poidan gozar da despedida do ano

G24.gal 29/12/2023 14:02

José xa está resignado. Cando toca traballar en Noitevella, procura levalo con alegría. A estación de servizo non pecha. "Traballamos os 365 días, as 24 horas. Toca despedir o ano aquí e empezalo tamén. Lévase ben, é divertido, ves a xente máis alegre, máis contenta", asegura.

Jaume tamén despedirá 2023 e dará a benvida a 2024 no seu posto de traballo, no restaurante que ten na Estrada. "Nós este ano damos un menú, citamos a xente ás nove e media da noite, empezan máis ou menos todos á vez. É un menú que dura máis ou menos catro horas e están incluídas as uvas e tamén o cava", explica.

Jaume xa nin se acorda do que é descansar a noite de fin de ano: "Levo 40 anos traballando o fin de ano e estou acostumado".

Tamén saben ben que o traballo continúa en Noitevella os empregados da Axencia Galega de Emerxencias. "No 112 non paramos. É unha noite máis. É unha noite especial, pero aquí as operadoras seguen o seu traballo normal. As 00:00 intento chamar para transmitir a felicitación de parte da dirección da axencia", di Marcos Araújo, xerente da AXEGA.

As incidencias son as habituais, poden aumentar as relacionadas co alcol á última hora da noite, pero non adoita haber moitas máis chamadas. Alí agardan, polo ben de todos, ter que traballar moi pouco. "Esperemos que o 112 soe o menos posible, que se se vai beber alcol non se colla o coche e que a xente teña coidado nas súas casas coas calefaccións, etcétera", recomenda Marcos.

Porque o importante é que todos, os que están de festa e os que traballan, poidan pasar unha boa Noitevella.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade