Publicador de contidos

Publicador de contidos

A neve obriga a circular con moito coidado, pero xa case sen restricións

A neve obriga a circular con moito coidado, pero xa case sen restricións

A nevarada obrigou a embolsar os vehículos pesados para impedir o seu paso polos portos de montaña na A-6 e na A-8

Na A-52, a Garda Civil tivo que escoltar o paso de camións que quedaran atrapados en Zamora para poder superar o acceso a Galicia pola Gudiña

Retención de camións na A-6, en Pedrafita (Sinal DXT) Retención de camións na A-6, en Pedrafita (Sinal DXT)
G24.gal 18/01/2023 10:29 Última actualización 18/01/2023 15:12

A nevarada que caeu nas últimas horas sobre as zonas altas das provincias de Lugo e Ourense obrigou os axentes de Tráfico da Garda Civil a embolsaren camións á primeira hora deste mércores en lugares habilitados tanto na autovía do Noroeste (A-6) como na do Cantábrico (A-8).

As maiores dificultades están na A-6, onde nestes momentos se circula con dificultade, lentamente e con algunha intermitencia. Durante algúns momentos houbo que cortar o tráfico entre os quilómetros 451 e 484, ao seu paso polo Corgo e prohibiuse a circulación de camións e articulados desde Pedrafita do Cebreiro ata Nadela. Non obstante, agora non hai restricións para ningún tipo de vehículo.

Dende que colapsou o viaduto do Castro, o tráfico desvíase pola estrada nacional. Moitos camioneiros tiveron que pasar a noite retidos na área de servizo do Corgo.

Tamén na Autovía do Cantábrico (A-8), a primeira hora da mañá, a nevada obrigou a establecer o nivel amarelo ao seu paso polo Alto do Fiouco, en Mondoñedo, e quedou restrinxida a circulación de camións.

No caso da Autovía das Rías Baixas (A-52), de acceso a Galicia desde Zamora a través do concello ourensán da Gudiña, a Garda Civil tivo que escoltar un convoi dun cento de camións para poder superar o porto de montaña logo de que quedasen atrapados na provincia castelán-leonesa.

Arestora é necesario manter todas as precaucións nos quilómetros 112 e no 171, ao seu paso pola Mezquita e Monterrei.

Camións na Gudiña escoltados pola Garda Civil

Os problemas sucédense, igualmente, na rede secundaria, especialmente nas zonas de montaña. A estrada LU-633, de titularidade autonómica, mantén o tránsito pechado a camións e articulados en ambos os sentidos de circulación entre os quilómetros un e 29. Mesma situación vívese na N-525 en ambos os sentidos do tránsito á altura de Riós, na provincia de Ourense.

Neva en Lugo cidade

En Lugo cumpríronse as previsións e o descenso da cota de neve pintou de branco a cidade de Lugo.  Cumpríronse as predicións e as folerpas comezaron a caer a primeira hora da mañá, coincidindo coa entrada dos nenos nos centros educativos. 

No momento de maior intensidade da nevarada rexistrouse unha colisión por alcance entre tres vehículos á altura dun paso de peóns. Só danos materiais e sen máis incidencias informadas debido ao episodio meteorolóxico. 

Houbo que afinar as precaucións á hora de transitar polas rúas, porque no momento que saíu o sol o chan tornouse moi esvaradío.  Algo que trataron de corrixir os operarios municipais botando auga a presión para limpar o pavimento.

Ao longo da mañá houbo momentos puntuais nos que regresaron as folerpas, pero xa non volveu callar. As xélidas temperaturas quedaron como protagonistas.

Había dous anos que non nevaba na cidade, dende decembro do ano 20. Nas próximas horas está previsto que suba a cota de neve.

No interior de Pontevedra a neve só callou nas cotas máis altas

Tal e como estaba previsto, a neve chegou ao interior de Pontevedra, pero só se acumula nas cotas máis altas de montaña. En localidades como Soutelo de Montes, en Forcarei, Lalín ou Agolada notan máis o frío ca neve, que está a ser moi fugaz e non calla.

A cota de neve non baixou tanto como se agardaba e o manto branco só fica en altos como o monte Faro ou os cumios de Dozón. Non houbo incidencias destacadas e os nenos foron con normalidade ás escolas.

Unha tranquilidade para os que teñen que circular nas estradas, pero unha mágoa para os que destacan o lado positivo da neve.

O aviso amarelo por neve desactívase esta noite aquí e no interior da Coruña, onde se agarda tamén que as temperaturas vaian subindo progresivamente.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade