A necesidade do Zaragoza pode máis que a intención do Racing (1-2)
O equipo aragonés levou o triunfo da Malata malia o bo partido que fixeron os de Alejandro Menéndez
Gañou o que máis o precisaba. O Zaragoza levou un triunfo vital do campo da Malata. Sen facer un bo fútbol, nin sequera sen ter máis oportunidades que o cadro ferrolán, o equipo de Gabi conseguiu os tres puntos e marchou satisfeito co triunfo por 1-2.
Non ía nin un minuto de partido e xa celebrara un gol Raúl Guti, un tanto que tivo que ser revisado polo VAR por un posible fóra de xogo. O Zaragoza tivo algunha ocasión, como a de Soberón no 17, pero o fútbol fíxoo un Racing inspirado co balón pero moi frouxo en defensa.
A segunda parte comezou cun gol anulado a Álvaro Giménez por unha falta anterior a Jair. No 52 Adu Ares marcou o segundo do Zaragoza, parecía que o da tranquilidade.
Pero o Racing conseguiu forzar un penalti, que transformou Josep Señé. Mellor dito, errou o disparo, pero aproveitou o rexeitamento para colocar o que sería definitivo 1-2. O que veu na última media hora foi un Racing incisivo, sen a presión do resultado, pero con escaso acerto rematador. O Zaragoza, moi nervioso, dedicouse a xestionar a vantaxe e festexou unha vitoria que pode valer unha permanencia.