A navieira do buque afundido anuncia un plan de rescate co mínimo impacto ecolóxico
"Estamos a levar a cabo o plan de rescate do buque en coordinación coas autoridades españolas, expertos en rescate marítimo e outros grupos relevantes", asegura
SALVAMENTO MARÍTIMO
A navieira turca do petroleiro Med Emre, afundido na madrugada do xoves fronte ás costas de Eivisa, anunciou este venres que está a aplicar un plan para rescatar o buque que minimice o impacto no ecosistema marítimo.
YMN Tanker Marine Management, unha navieira con sede en Istambul, expresa nun comunicado a súa "profunda preocupación polo incidente" e asegura que se compromete a "tomar todas as medidas necesarias para minimizar o posible impacto no medio mariño".
"Estamos a levar a cabo o plan de rescate do buque en coordinación coas autoridades españolas, expertos en rescate marítimo e outros grupos relevantes", sinala a nota, publicada na rede social LinkedIn, sen dar máis detalles ao respecto.
YMN Tanker "tamén quere expresar o seu agradecemento ás autoridades españolas e a todos os implicados nas operacións de busca e rescate da tripulación", engade o texto.
O Med Emre, un petroleiro de 120 metros de eslora, abandeirado en Malta, pero de propiedade turca, envorcou arredor da medianoite entre o mércores e o xoves cando navegaba a unhas 19 millas náuticas (35 quilómetros) ao noroeste de Eivisa.
O sinistro causou a morte dun mariñeiro turco de 46 anos e deixou varios feridos, que foron trasladados a hospitais do sueste de España.
YMN Tanker expresa as súas condolencias á familia do falecido, á que promete prestar o máximo apoio, e asegura estar en estreito contacto cos demais mariñeiros.
Aínda non se determinaron as causas do naufraxio e YMN Tanker indica que "levará a cabo unha investigación minuciosa das circunstancias que levaron o buque a envorcar".
A navieira turca opera unha frota de 13 petroleiros e quimiqueiros, todos construídos en estaleiros de Turquía e abandeirados en Malta, con idades de entre 4 e 15 anos.
Segundo os rexistros marítimos, ningún buque da compañía sufriu nos últimos tres anos unha "detención", é dicir, a detección dun defecto grave que obrigase a inmobilizar a embarcación ata que fose reparada.
Nas inspeccións regulares do Med Emre, realizadas en portos de España, Italia e Francia, entre outros países, non se detectaran danos no buque, construído en 2019.