A muller achada morta nun colector no Carballiño pediu axuda en dous bares e dixo que a querían matar
A muller achada morta nun colector no Carballiño pediu axuda en dous bares e dixo que a querían matar
O propietario dun dos locais dixo que estaba moi nerviosa
Cando lle ofreceron chamar á policía negábase e marchaba
O bar San Cristóbal situado na avenida do Balneario do Carballiño foi o primeiro ao que entrou Mila Marchetti, a muller atopada morta entre o lixo na planta de transferencia de residuos do Carballiño. Eran preto das dúas da tarde do sábado.
Aos propietarios estrañoulles a vestimenta e o estado de nerviosismo no que estaba. Ao saír, cruzou a estrada e entrou no bar da estación de autobuses, onde esta mañá declinaban falar a cámara sobre o sucedido. Neste local a muller explicaría que tiña moito medo e necesitaba axuda porque querían matala.
Ao igual que acontecera no outro local, cando lle ofreceron dar aviso á policía, negouse e marchou. Pouco despois era localizada pola Garda Civil camiñando pola autovía e foi trasladada ata o PAC, de onde marchou tras ser atendida.
A muller casara había uns días co fillo do propietario dun club de alterne de Maside, onde traballaba de camareira, malia que levaba cinco meses de baixa.
A Garda Civil está a investigar as circunstancias nas que puido falecer a muller e non descarta ningunha hipótese.