A Mostra Galega de Apicultura de Arzúa fai corenta anos cun amplo programa formativo
O evento diríxese a apicultores profesionais pero tamén a amantes do mel
Ademais, están programadas actividades diversas e obradoiros gratuítos
O mundo das abellas tiña hoxe en Arzúa o seu lugar de referencia coa celebración da Mostra Galega de Apicultura, que cumpre xa o seu corenta aniversario.
"Unha mostra a celebrar como se merece, no seu corenta aniversario, para todos os apicultores que ao longo destes anos seguen confiando na nosa asociación. E imos medrando día a día", comenta María del Carmen Puga, presidenta da Asociación Galega de Apicultura (AGA).
A mostra deste ano ofrece conferencias sobre o tratamento de parasitos como o varroa, a división das abellarizas ou a preocupación nos últimos anos pola velutina ou vespa asiática.
"O ano pasado tivemos a percepción de que houbo menos velutina. Houbo máis trampeo, o tempo acompañou, foilles mal ás velutinas. Este ano imos ver que pasa", afirma o veterinario Joaquín Lozano.
Tamén había na feira algún dos poucos remedios eficaces contra esta especie invasora.
"Son arpas eléctricas que poñemos nas abellarizas para defender as nosas colmeas. A velutina pasa a través delas e queda electrocutada", aclara a empresaria Leonor Varela.
E como non, tamén se presentaron as mostras do mellor produto apícola: o mel.
"O de breixo, o de castiñeiro, pasando polo de silva e o multifloral. A diferenza é que uns son moito máis doces que os outros", puntualiza Rebeca Vázquez, que se dedica á venda deste delicioso produto.
A Asociación Galega de Apicultura conta cuns 1.500 socios, moitos deles presentes nesta feira que veñen informarse das últimas novidades no sector.
A todos aqueles que lles pique, a curiosidade, poderán asistir a unha cata de meles, a obradoiros de doces e mesmo someterse a probas de alerxia, gratuítas para os apicultores. E todo para producir o mellor mel galego.