A montaxe das atraccións condiciona o estacionamento onda o parque lugués de Rosalía
O dispositivo de tráfico do San Froilán, que afecta varias zonas da cidade, permanecerá activo ata o 16 de outubro
Durante case un mes, as festas do San Froilán condicionarán o tráfico en Lugo. As rúas máis afectadas polas restricións son as que rodean o céntrico parque de Rosalía, onde xa non se pode estacionar debido á montaxe das atraccións. Como resultado, para poder aparcar cómpre buscar alternativas.
Ademais do recinto feiral, outro barrio afectado polas limitacións de tráfico é o de Garabolos, onde se instalaron as caravanas dos feirantes. Varias vías foron xa cortadas, ao que se suma que hai menos prazas de estacionamento a causa dunha obra. De feito, algúns veciños resultaron multados por aparcar na zona.
As instalacións que en primeiro lugar se comezaron a montar son as das casetas do polbo, que estarán abertas no parque de Rosalía dende este venres ata o 2 de novembro. O resto dos postos desmontaranse semanas antes, polo que o plan de tráfico para o San Froilán permanecerá activo ata o 16 de outubro.