Publicador de contidos

Publicador de contidos

O CSIC estuda ducias de baleas en augas das Rías Baixas

O CSIC estuda ducias de baleas en augas das Rías Baixas

Científicos do IEO rexistran 63 rorcuais comúns durante a campaña RorquGAL B&B 2025

As mostras tomadas con drons e análises xenéticas permitirán coñecer mellor estas poboacións

G24.gal 23/09/2025 18:05 Última actualización 23/09/2025 18:45

Un equipo científico do Instituto Español de Oceanografía (IEO-CSIC) levou a cabo este verán un estudo multidisciplinar sobre baleas, concretamente rorcuais comúns (Balaenoptera physalus), que cada ano visitan as augas das Rías Baixas.

A campaña, denominada RorquGAL B&B 2025 (Rorquals from Galicia-Blow and Biometrics), desenvolveuse a bordo do catamarán Chocolate de Charter Terra Nova entre finais de agosto e comezos de setembro.

O obxectivo foi obter información sobre as poboacións que chegan ás augas galegas durante o verán.

A pesar das malas condicións meteorolóxicas, o equipo conseguiu realizar oito saídas ata o límite da plataforma continental, onde se rexistrou a presenza de 63 rorcuais.

Deles, 35 foron fotoidentificados mediante imaxes aéreas para comparalos con catálogos doutras rexións e tamén se recolleron mostras do microbioma respiratorio de 14 exemplares a través do uso de drons.

Avistamentos e recollida de mostras

Ademais das mostras de tecido e de auga para estudos xenéticos e isotópicos, durante a campaña tamén se avistaron rorcuais alibrancos (Balaenoptera acutorostrata), caldeiróns comúns (Globicephala melas), golfiños comúns (Delphinus delphis), arroaces (Tursiops truncatus) e toniñas (Phocoena phocoena).

Segundo explicou Camilo Saavedra, investigador do Centro Oceanográfico de Vigo do IEO e responsable da campaña, as condicións oceanográficas situaron os afloramentos de microalgas e a presenza de krill en zonas máis ao norte e afastadas da costa que en anos anteriores. Isto fixo que as baleas non se achegasen tanto ao litoral, aínda que o número de exemplares rexistrado foi moi elevado.

Novas técnicas para coñecer as baleas galegas

“A análise do ADN ambiental presente na auga e o uso de drons para obter datos biométricos e mostras do microbioma respiratorio permítennos acceder a información descoñecida ata agora. Isto servirá para caracterizar a poboación que visita as augas galegas, estudar a súa conectividade e patróns migratorios, así como o seu estado de saúde”, destacou Paula Suárez, investigadora do mesmo centro e responsable dos estudos xenéticos de cetáceos no marco das Estratexias Mariñas españolas.

A campaña enmárcase no proxecto Esmares 3, financiado polo Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico e cofinanciado pola Unión Europea, destinado a reforzar o seguimento das estratexias mariñas en España a través do IEO.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade