Piden 14 anos de cadea para un estradense acusado de violar a súa exparella
O acusado declarouse inocente e cree que a acusación "responde a un afán vingativo derivado dos celos pola ruptura"
A Fiscalía mantén a petición de 14 anos polo delito de violación e unha indemnización polo delito de lesións leves
A Audiencia de Pontevedra acolleu este martes o xuízo contra o estradense acusado de violar presuntamente a que era a súa parella. Segundo recolle o escrito da fiscalía, mantiña unha relación sentimental coa denunciante e en ocasións quedaba a durmir no domicilio dela.
O 15 de agosto de 2023, contra a súa vontade e co fin de "satisfacer o seu ánimo libidinoso" agarrouna e tirouna contra a cama para acabar violándoa.
O acusado foi o primeiro en declarar, insistiu na súa inocencia e tanto el como a súa defensa pensan que a acusación responde a un afán vingativo derivado dos celos pola ruptura sentimental". Destacou tamén que a suposta vítima xa foi condenada por un delito de denuncia falsa.
Na vista tamén declarou a vítima tras unha pantalla, o axente policial que recolleu a denuncia, a exmuller do acusado e, por videoconferencia, a médica forense do Imelga.
A fiscalía mantén a súa petición de 14 anos de prisión para o home por presunta violación e un delito leve de lesións. O xuízo quedou visto para sentenza.