A Universidade de Vigo quere crear na ETEA un centro de referencia na investigación do mar
A Xunta cedeulle hoxe á universidade dous edificios que permiten avanzar neste ambicioso proxecto
Rueda garantiu o apoio da Xunta á universidade galega a través do Plan de Financiamento Universitario 2022-2026 dotado con preto de 3.100 millóns de euros
O Edificio Morse e o inmoble de Enfermería súmanse ao Faraday, que a Xunta xa lle cedera con anterioridade á Universidade de Vigo. A intención é crear nas instalacións da ETEA, a antiga Escola de Transmisións e Electrónica da Armada, un centro de investigación dos océanos. Para isto vanse trasladar aquí a Facultade de Ciencias do Mar e o Centro de Investigación Mariña.
Manuel Reigosa, reitor da Universidade de Vigo, dixo que no futuro agardan "que calquera investigador de ciencias do mar do mundo teña envexa e queira vir aquí".
Alfonso Rueda garantiu o apoio á universidade galega. A través do Plan Financiamento Universitario 2022-2026 a Xunta destinará preto de 3.100 millóns de euros ás tres universidades.
"Foi un plan pioneiro en toda España, para que as tres universidades poidan ir rehabilitando edificios e facendo novas construcións", explicou Rueda.
O presidente da Xunta pediulle ao Concello de Vigo que asine o convenio para urbanizar esta contorna, onde tamén estará a Residencia da Fundación Amancio Ortega.