As apelacións á convivencia protagonizan o discurso de Nadal de Filipe VI
No discurso non faltaron as referencias ao incremento do coste da vida, o acceso á vivenda ou o exceso de tensión no debate público
É a primeira vez que o rei intervén de pé na mensaxe de Nadal e a terceira que o fai desde o Palacio Real
Esta é a terceira vez que o rei realiza a mensaxe de Nadal desde o Palacio Real. Este ano repite o escenario do pasado. Filipe VI volveu ao Salón de Columnas referentes de diversos acontecementos históricos como a firma do tratado polo que España ingresou nas Comunidades Europeas, agora UE, e da que este ano se cumpriron 40 anos.
Un aniversario que Filipe VI recordou, igual que os 50 anos da restauración da monarquía e que marcaron o inicio da Transición á democracia. Dixo o rei que os dous aniversarios o "animaban a falar de convivencia nesta mensaxe".
"A Transición foi, ante todo, un execicio colectivo de responsabilidade. Xurdiu da vontade compartida de construir un futuro de libertades baseado no diálogo... Froito de aquel impulso foi a nosa Constitución de 1978 e, engadiu, o rei, a incorporación ao proceso de integración europeo foi tamén o resultado dun compromiso colectivo. Europa non só trouxo modernización e progreso económico e social: afianzou as nosas liberdades democráticas"
Ademais da convivencia, lembrou Filipe VI, precisamente, o exemplo de Transición, para propoñer diálogo, respecto e tamén exemplaridade.
"Correspóndenos a todos preservar a confianza na nosa convivencia democrática. Preguntémonos, sen mirar a ninguén, sen buscar responsabilidades alleas: que podemos facer cada un de nós para fortalecer esa convivencia? Que liñas vermellas non debemos cruzar?"
"Estou falando de diálogo, porque as solucións aos nosos problemas requiren do concurso, a responsabilidade e o compromiso de todos; estou falando de respecto na linguaxe e de escoita das opinións alleas; estou a falar de especial exemplaridade no desempeño do conxunto dos poderes públicos; tamén de empatía; e da necesidade de situar a dignidade do ser humano, sobre todo dos máis vulnerables, no centro de todo discurso e de toda política"
"Lembremos que, en democracia, as ideas propias nunca poden ser dogmas, nin as alleas, ameazas; que avanzar consiste en dar pasos, con acordos e renuncias, pero nunha mesma dirección, non correr á conta da caída do outro; que España é, ante todo, un proxecto compartido".
EFE
Non faltaron as referencias ao incremento do coste da vida, o acceso á vivenda ou o exceso de tensión no debate público.
"Vivimos tempos certamente esixentes. Moitos cidadáns senten que o aumento do custo da vida limita as súas opcións de progreso; que o acceso á vivenda é un obstáculo para os proxectos de tantos mozos; que a velocidade dos avances tecnolóxicos xera incerteza laboral; ou que os fenómenos climáticos son un condicionante cada vez maior e en ocasións tráxico. Temos moitos desafíos… E os cidadáns tamén perciben que a tensión no debate público provoca hastío, desencanto e desafección. Realidades, todas elas, que non se resolven nin con retórica nin con voluntarismo"
Como novidade este 2025, o rei interviu de pé coas bandeiras de España da Unión Europea á súa dereita e un misterio e unha árbore de nadal á esquerda. E como é habitual, na despedida da mensaxe, Filipe VI felicitou o Nadal nas linguas cooficiais.