Alfonso Rueda chama a construír unha "Galicia en positivo" na súa mensaxe de fin de ano
O presidente da Xunta dirixiuse aos galegos desde a exposición dedicada a Castelao no Museo de Pontevedra para reivindicar o seu espírito
Rueda comprometeuse a poñer os recursos necesarios para que os menores crezan nunha contorna segura e teñan unha educación de calidade
O presidente reiterou o seu compromiso de chegar ás 8.000 vivenda públicas esta lexislatura e reivindicou a estabilidade de Galicia, onde este 1 de xaneiro entrarán en vigor os novos orzamentos
Alfonso Rueda aproveitou o remate do Ano Castelao para "poñer metaforicamente as súas lentes" para analizar os retos que afronta Galicia na tradicional mensaxe de fin de ano do presidente da Xunta. De feito, escolleu o Museo de Pontevedra, onde están gardadas máis de 1.800 pezas que compoñen o legado deste "rianxeiro universal e poliédrico".
Castelao foi debuxante, dramaturgo, ensaísta e político, "facetas que nacen e se resumen na súa condición de galeguista", dixo o presidente, quen salientou que as súas ideas consideradas no seu tempo revolucionarias agora forman parte do acervo común das galegas e galegos.
"A arquitectura institucional, política e cultural da Galicia de hoxe é posible porque antes a soñaron Castelao, Risco, Brañas, Otero Pedrayo e outros moitos intelectuais que amaban o seu país".
"Moitas das inxustizas que sufría Galicia e que denunciou Castelao son afortunadamente xa un mal recordo do pasado. Para combater os agravios que aínda existen, Galicia dispón das súas propias institucións fortes e cribles, que garanten que a nosa voz nunca xamais volva ser ignorada. E na procura desa meta sumamos todos".
Galicia non exclúe a ninguén cando se trata de construír o seu futuro "en positivo". Para explicalo, Rueda bota man dunha estampa de Castelao: "Non lle poñades tachas á obra mentres non se remata. O que pense que vai mal, que traballe nela. Hai sitio para todos".
Incendios
"O pasado verán incendios de enorme virulencia provocaron momentos de impotencia en Galicia, en España e tamén noutros países", recoñeceu o presidente da Xunta. "Inmediatamente puxémonos mans a obra para que ninguén dos afectados quedara sen axuda. Cómpre traballar todos a unha para ter un monte máis produtivo e máis protexido", asegurou Rueda. "Os Gobernos están para gobernar, non para entreter e moito menos para indignar", concluíu.
Orzamentos
"Somos previsibles", dixo o presidente ao lembrar que o 1 de xaneiro entrarán en vigor os orzamentos da Xunta para o ano 2026: "Como debe ser", salientou.
"Traballamos pensando en deixarlles as nosas fillas e fillos unha Galicia mellor, non para facernos notar no medio do ruído. As mellores decisións non adoitan ser as máis impactantes e, ás veces, nin tan sequera son as máis populares", explicou o presidente da Xunta: "Galicia non se pon límites nin teito, porque a experiencia nos ensina que sempre somos capaces de superalos. Todos contribuímos a facer unha Galicia mellor", dixo Rueda.
Vivenda
"Nesta lexislatura duplicaremos o parque público de vivenda. Xa en 2026 teremos en marcha 4.000 novas vivendas", lembrou o presidente da Xunta. O obxectivo é, segundo afirmou, polas a disposición das mozas e mozos que queren emanciparse ou para as máis de 44.000 persoas que chegaron a Galicia para facela o seu fogar.
"Unha Galicia en que a vivenda non sexa un ben de luxo, senón unha condición indispensable para que cada quen poida construír a súa propia vida", afirmou o presidente da Xunta.
Innovación
"Galicia aposta investigación e a innovación, sendo os piares dun crecemento robusto", asegurou o xefe do Executivo galego. "Cada ano investimos máis de 1.000 millóns na I+D+I galega", subliñou. O presidente da Xunta salientou que Galicia conta con "científicos brillantes", o supercomputador público "máis potente do sur de Europa" e unha das seis novas fábricas de Intelixencia Artificial que vai haber no continente.
"Non é un relato de ciencia ficción, é a crónica da Galicia de hoxe", dixo.
Galicia Calidade
"Galicia presume e leva os nosos produtos por todos os recunchos do mundo, pero tamén é un estilo de vida Iso é o que chamamos con orgullo Galicia Calidade", explicou Rueda, quen advertiu que seguirán "alzando a voz" contra "o proteccionismo comercial que pecha portas inxustamente e castiga a quen o fai ben".
Enerxías limpas
"Galicia reúne todas as condicións para benefeciarse das oportunidades económicas do futuro", enfatizou o presidente.
"Os recursos, o talento e a estabilidade institucional alíanse para que poidamos converternos nunha das capitais da economía circular e das enerxías limpas", asegurou.
Rueda pediu actuar con intelixencia e responsabilidade para que os novos sectores estratéxicos sigan a estela doutros sectores como o téxtil, o agroalimentario ou a automoción "que non son aguanta nun contexto difícil, senón que se supera".
Cesta da compra
Nun contexto no que cada vez custa máis encher a cesta da compra, o presidente da Xunta insta a "procurar que a nosa terra produza cada vez máis riqueza e que esta se reparta con xustiza entre as persoas que gañan o seu sustento co seu traballo". "Debemos seguir protexendo as persoas que necesitan de todos nós", engadiu.
Educación
Rueda salientou que é importante que os menores crezan nunha contorna segura, saudable e con bos referentes. O presidente da Xunta lembrou que "Galicia é líder na regulación de pantallas no eido educativo e na prohibición de consumo de bebidas enerxéticas a menores". "Traballamos para desterrar o acoso escolar e rematar con toda clase de violencia, especialmente contra as mulleres".
"A Educación é a ferramenta máis poderosa para garantir o avance do país e por iso non escatimaremos recursos para que os máis novos accedan a unha formación de excelencia pública e gratuíta", prometeu.
Sanidade
O presidente salientou o "avanzado" sistema sanitario público galego, que ofrece "o calendario de vacinación máis completo do mundo, amplos programas de cribados e tratamentos punteiros contra o cancro que eran impensables hai uns anos". "Seguir avanzando nesta senda é unha obriga irrenunciable", advertiu.
Mensaxe de afecto
Alfonso Rueda rematou o seu discurso mandando unha mensaxe de afecto a todas as persoas que pasan o Nadal en soidade, que padecen algunha enfermidade ou que botan en falta algún ser querido. O presidente da Xunta quixo facer unha "lembranza agarimosa" para os nosos emigrantes que celebran estas festas "lonxe da súa terra que levan sempre no corazón, como nós os levamos a eles".
"Sempre, aínda cando as tebras parecen máis densas, hai unha luz de esperanza que nos guía para seguir avanzando, como avanzan os peregrinos que percorren os distintos Camiños de Santiago. Dexésovos unha feliz entrada de ano e que teñamos un 2026 cheo de alegría, de benestar, de paz e de prosperidade".
BNG acusa a Rueda de xerar "confrontación" e o PSdeG fala de "autocomplacencia"
A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, asegurou non entender que o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, diga que os gobernos non están para indignar cando ao seu xuízo el, á fronte dun, practica "crispación, confrontación e insultos".
Na súa reacción á mensaxe de fin de ano do xefe do Executivo galego, a líder nacionalista explica nun comunicado facilitado á prensa que o mandatario autonómico "fai o contrario" do que promulga, ao "levantar indignación por recortes en sanidade, pola bomba ambiental de Altri ou polo colapso no sistema de coidados de maiores".
Así, aféalle a líder do Bloque as "mentiras" e a "propaganda" escoitadas nun discurso "triunfalista" tras o cal observa un Goberno "en punto morto", sen ideas, proxecto, ambición, esperanza nin horizonte, enumera Pontón.
Pola súa parte, o líder do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, reprocha ao presidente da Xunta, o "discurso autocomplaciente" de fin de ano para "evitar falar do que máis preocupa á cidadanía, os atrasos e as esperas", e eludir a xestión de incendios forestais do verán, a pesar de "cesar" a cúpula directiva do departamento de Medio Rural.
Besteiro indicou, nun a súa reacción ao discurso de Rueda, que "pretende dar por bo un modelo de país que non está a dar resultados" e advirte de que en Galicia "hai persoas que levan meses agardando unha consulta médica, unha prestación de dependencia ou unha oportunidade para acceder a unha vivenda".
Así, "cando un goberno non fala das esperas, é porque sabe que se converteron no seu principal fracaso", salienta o secretario xeral do PSdeG achega do mandatario galego e presidente do PPdeG, partido que goberna na Xunta desde fai dezaseis anos.