O Goberno licitará un novo contrato para mellorar as pulseiras antimaltrato, pero a ministra descarta dimitir
O Goberno licitará un novo contrato para mellorar as pulseiras antimaltrato, pero a ministra descarta dimitir
A ministra de Igualdade insiste en que os aparellos actuais "funcionan" e minimiza os fallos rexistrados
O PP reclama a reprobación no Congreso de Ana Redondo
Yolanda Díaz pide "unha pequena investigación" que aclare o sucedido
O Poder Xudicial alertou a Igualdade sobre fallos nas pulseiras antimaltrato
Nuns meses, o Goberno central licitará un novo contrato para a xestión das pulseiras antimaltrato. Anunciouno este luns Ana Redondo, ministra de Igualdade, quen tamén insistiu en que "as pulseiras funcionan, o dispositivo Cometa sempre funcionou e segue funcionando correctamente, salva vidas a diario". Redondo descartou dimitir por este caso, como lle pediron desde o PP.
A titular de Igualdade minimiza os fallos rexistrados cando se cambiou de compañía a comezos de 2024. Nesa migración de datos, informou Ana Redondo, "houbo algúns problemas técnicos porque a tecnoloxía falla".
Ata uns meses antes, a ministra de Igualdade era Irene Montero, por iso o seu partido, Podemos, pecha filas coa actual titular do departamento. "É unha mentira dicir que as pulseiras non funcionaron e é unha mentira dicir que as mulleres estiveron desprotexidas", insistiu en conferencia de prensa o voceiro do partido, Pablo Fernández.
Pola contra, a que era a súa compañeira de filas, a vicepresidenta segunda e ministra de Traballo, Yolanda Díaz, pide agora "que se aclare, que se faga unha pequena investigación para saber que pasou" e que se repare ás vítimas.
Pola súa parte, o PP reclama unha auditoría independente e a reprobación no Congreso da ministra de Igualdade, á que acusa de neglixencia. Segundo Alma Ezcurra, vicesecretaria popular, "o peor é que cando foron advertidos e coñecedores do problema decidiron mirar para outro lado e antepor a súa propia supervivencia á seguridade e á vida de centos de mulleres".
Tamén o Partido Popular de Galicia analizou este asunto na reunión que mantivo a súa comisión de Igualdade este luns en Santiago.