O profesor que confesara que matou á súa exmuller en Baiona rexeita aceptar 26 anos de cadea
Recusou tamén o seu letrado de oficio, polo que o xuízo previsto para novembro se podería retrasar
O inicio da vista comezaba na macrosala dos xulgados de Vigo contra as dez e media. Sorpresivamente, Ángel Rodríguez, asasino confeso da súa exmuller, dixo que rexeitaba a súa defensa, o letrado da quenda de oficio Saúl Vidal. O ata hoxe avogado dixo que o imputado non estaba de acordo en aceptar os 26 anos de cadea que estiveron a piques de acordar acusación e defensa, quería que fosen só 24.
O xuízo ía ser marcado para o 24 de novembro, pero a recusación do avogado e a necesidade de designar outro podería atrasalo. Será con xurado na sección quinta da Audiencia de Pontevedra en Vigo.
O crime estarreceu a vila de Baiona, xa que Ángel devolvía os rapaces á súa exmuller e cun coitelo e unha machada asestoulle varias coiteladas no peito e pescozo e bateu nela coa machada, e, segundo algunhas testemuñas, fíxoo diante dos cativos, de 6 e 9 anos, que logo narraron os feitos.
A fiscalía considerou o delito de asasinato coas agravantes de xénero e parentesco.