Publicador de contidos

Publicador de contidos

Galicia contará cunha lei propia para a prevención do acoso e a violencia dixital

Galicia contará cunha lei propia para a prevención do acoso e a violencia dixital

O Consello da Xunta inicia os trámites para a elaboración da futura norma

G24.gal 15/09/2025 14:03 Última actualización 15/09/2025 16:32

O Consello da Xunta aprobou este luns iniciar os trámites para aprobar a futura Lei galega de acoso e violencia dixital

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, destacou que Galicia será a "primeira comunidade de España en contar cunha normativa específica" para previr a violencia dixital e apoiar as vítimas.

"A Xunta entende que debe contar cunha normativa que protexa ás principais vítimas da violencia dixital: mulleres, menores, membros do colectivo LGTBI", destacaba Rueda, quen sinalaba que este tipo de acoso "é unha das formas que adopta a violencia machista e moi vencellada á violencia sexual".

Entre as medidas previstas figura un mecanismo para borrar a pegada dixital -previa sentenza xudicial-, a creación dun espazo virtual de asesoramento para as vítimas ou programas psicopedagóxicos para a atención a adiccións a novas tecnoloxías.

A norma sae este martes a exposición pública para que entidades e cidadáns poidan facer achegas.

Acoso escolar

O Consello da Xunta tamén aprobou este luns poñer á disposición dos profesores un cuestionario dixital que poderán activar en calquera momento ante a sospeita dun caso de acoso na aula.

Se se confirma o acoso pola resposta do alumnado, o centro activará o protocolo para atender a vítima.

Baixo o nome ‘Termómetro de Acoso Escolar’ a ferramenta está dirixida ao alumnado de 5° e 6° de Primaria, ESO e Bacharelato.

Esta utilidade vaise activar nos próximos días, está configurada como un cuestionario en liña e, unha vez que o alumnado o complete, xerarase de forma automática un informe detallado para a aula que incluirá indicadores clave sobre a convivencia, o benestar emocional do grupo e a detección de posibles casos de acoso.

No cuestionario inclúense preguntas orientadas a detectar posibles vítimas, posibles situacións de acoso en que o alumnado é espectador ou posibles persoas acosadoras tanto fisicamente como a través de internet e das redes sociais.

Ademais, todos os datos recollidos estarán integrados nunha plataforma centralizada xestionada pola propia Consellería de Educación, na cal se garantirá a confidencialidade e anonimización da información.

Esta base de datos permitirá elaborar informes globais sobre o estado da convivencia escolar en Galicia.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Pódeche interesar

Publicador de contidos