Repuntan en Lugo as vendas de polbo, que será consumido durante o San Froilán
O produto fresco é o máis demandado, incluso con lista de espera nalgunhas peixerías
Un polbo fresco procedente da lonxa da Coruña foi limpado e vendido, a primeira hora da mañá, na praza de abastos de Lugo. Malia pesar case tres quilos e valer cada un deles uns 24 euros, durante as festas do San Froilán non vai faltar na mesa da súa compradora.
"Polbo galego, hai pouco, e somos moitos a comer. Entón é mellor collelo canto antes. De feito, nós temos lista de espera", sinala Isabel Peña, da peixería Marypaz.
"Ademais o polbo de roca, que é o que traballamos nós, convén telo quince días ou unha semana antes no conxelador para que sirva para cocer. Ao contrario doutros moluscos, se está moi fresco, coce mal", engade Ovidio González, da peixería Nélida.
O polbo fresco vai a día de hoxe un euro máis caro que a semana pasada, e mesmo pode acadar os 25 euros o quilo. Un pouco máis económico, a 23 euros, véndeno nas tendas de conxelados. Iso si, importado de Marrocos.
"Eu téñoo todo o ano ao mesmo prezo, sobre 23 euros. Pode baixar aos 20, pero xa despois das festas se o queren quitar", afirma María Pérez, de Conxegalia.
En todo caso, quen non consiga adquirir o polbo a tempo sempre terá a opción de degustalo nas casetas do recinto feiral do San Froilán ou nalgúns dos caldeiros habilitados durante as festas.