Publicador de contidos

Publicador de contidos

En memoria eterna dos ausentes, os cemiterios énchense de flores no Día de Santos

En memoria eterna dos ausentes, os cemiterios énchense de flores no Día de Santos

Os galegos somos madrugadores para engalanar os cemiterios, pero tamén previsores; son moitas as familias que xa foron facendo arranxos florais ao longo da semana

​Entre o recollemento e a tradición gastronómica: castañas, ósos de santo e bolos de vento

Día de Santos: memoria Eterna que os galegos, cada 1 de novembro, se negan a deixar extinguir

Unha muller arranxa a tumba familiar no cemiterio de Boisaca, Santiago, este sábado a primeira hora
G24.gal 01/11/2025 10:28 Última actualización 01/11/2025 18:24

Día ​1 de Novembro, Día de Todos os Santos. En Galicia amenceu con aire fresco da mañá, pero os máis madrugadores achegábanse aos cemiterios mesmo antes de que saísen as primeiras raiolas do sol. Hoxe é o día en que se realiza o solemne ritual dos arranxos florais en lembranza dos ausentes.

O tempo e a falta de choiva respectou tanto aos que se presentaron a primeira hora para adecentar os sepulcros onde repousan os seus familiares, como os que xa asistiran en días previos e que hoxe limitáronse a ofrecer os arranxos florais e outros agasallos para dignificar a memoria dos que repousan no camposanto.

"É un día un pouco especial no que lembras as persoas que che faltan. Procuras vir este día darlle un pouco máis de respecto", comenta unha das visitantes ao cemiterio.

Para comprobar os froitos do traballo ben feito, achegámonos ao cemiterio de Iria Flavia, en Padrón, onde as flores e as candeas enchen o recinto de espiritualidade e repouso. O coñecido cemiterio das flores relucía hoxe coma nunca.

"Está esplendoroso, cheo de flores. Pero é que está todo o ano, aquí todo o ano hai flores e está ben", confirma un dos asistentes.

 

Tumba de Camilo José Cela no cemiterio de Adina, Iria Flavia, Padrón, este sábado Tumba de Camilo José Cela no cemiterio de Adina, Iria Flavia, Padrón, este sábado

Os sepulcros de figuras ilustres como o da poetisa Rosalía de Castro, cuxos restos permaneceron provisionalmente neste cemiterio padronés, así como o túmulo dedicado ao premio Novel de literatura, Camilo José Cela, tamén recibiron atención. Unha xornada moi familiar, na que o reloxo da vida detense por uns instantes para botar a vista atrás e volver compartir cos que xa non están un momento de paz e tranquilidade.

"Todas as flores teñen un significado para min, e entón quedo con iso para min soa", comenta unha das asistentes sobre o arranxo floral que leva en ofrenda para o seu familiar falecido.

A visita aos cemiterios continuará durante toda a fin de semana aínda que o recordo dos perdurará para sempre.

Cemiterio de Adiana, Iria Flavia, Padrón, este sábado Cemiterio de Adiana, Iria Flavia, Padrón, este sábado

O solemne ritual do arranxo floral

Os galegos somos madrugadores, pero tamén previsores. Foron moitas as familias que ao longo da semana xa se achegaron as tumbas dos seres queridos para deixalas limpas e cheas de flores para que mañá, Día de Defuntos, luza adecuadamente. Hoxe, Día de Todos os Santos, son moitas as familias as que van arranxar as tumbas, pero tamén se achegan moitas persoas, se poden, malia que xa teñan todo preparado, para vixiar que todo quede correctamente no último momento.

Todas as tumbas, nichos e panteóns son importantes. Todos os cemiterios desde o máis humilde ata o máis impoñente son importantes, pero tamén é certo que en Galicia hai cemiterios de incrible beleza. Moitos deles ben coñecidos: desde o de San Amaro na Coruña ao tranquilo Santa Mariña de Dozo, en Cambados, a estampa é a mesma: unha rea silenciosa de familias indo e vindo, cargadas con caldeiros e cepillos e, sobre todo, unha carga floral de inigualable beleza.

As ringleiras de xente levando flores aos seus, aos ausentes, é unha das imaxes máis recorrentes este sábado As ringleiras de xente levando flores aos seus, aos ausentes, é unha das imaxes máis recorrentes este sábado

Desde a flor máis humilde aos ramos máis opulentos, no Día de Santos non son unha simple decoración; é un acto de amor, un ritual solemne e profundamente arraigado. Os galegos non escatiman nesta homenaxe.

Os postos de flores nas inmediacións dos camposantos veñen traballando sen descanso, vendendo centros e ramos que desbordan cor e significado. Predominan os crisantemos, símbolo de eternidade e respecto, en tons brancos e amarelos, pero tamén as vibrantes rosas, expresión dun amor que transcende a morte, e os humildes pero resistentes caraveis, sinxeleza e agarimo duradeiro.

No silencio dos corredores de granito e mármore, as mans expertas de avoas e netos limpan con celo a humidade das lápidas, púen as letras gravadas e retiran os restos do tempo para colocar os arranxos florais recentemente comprados. Cada flor depositada é unha conversa pendente, unha promesa cumprida.

Búscanse as cores favoritas do defunto, elíxense as flores que mellor representan o seu espírito. É unha arte efémera que dura apenas un día, pero cuxa intención perdura os 365 restantes. Os cemiterios convértense, por unhas horas, en auténticos museos ao aire libre, un mapa de afectos onde cada nicho e panteón conta unha historia de vida e perda.

​Entre o recollemento e a tradición gastronómica

​Cos panteóns engalanados e as oracións rezadas en silencio ou ben baixiño de pé, diante dos seus, o espírito do 1 de novembro esténdese ao resto da xornada. O día, aínda que de recollemento, tamén está marcado por outras tradicións, aquelas que unen aos vivos co recordo a través do sabor.

​En moitos fogares e prazas, o culto aos defuntos fusiónase coa festa celta do Samhain (a véspera do 31 de outubro), que evolucionou no popular Samaín galego, onde as cabazas talladas con rostros grotescos conviven coa solemnidade do día seguinte. Para os máis novos, un día de repouso, se se pode, despois da troula da noite.

​Pero ao mediodía xa é imposible resistir o aroma que emana das cociñas, e moito máis este ano que é sábado. Unha fin de semana de tradicións gastronómicas: ​castañas asadas, protagonistas indiscutibles, especialmente na provincia de Ourense; os tradicionais ósos de Santo, os bolos de vento, lixeiros e azucrados, que a tradición popular di que, por cada un que se come, unha alma é liberada do purgatorio.

Para moitas familias, neste día celébrase unha comida, unha merenda, unha cea; é a forma galega de conxurar a pena, transformándoa en recordo alegre e duradeiro.

O Día de Todos os Santos en Galicia é, en esencia, unha poderosa lección da vida ante a morte. Non é un día para esquecer, senón para lembrar con intensidade. Ao caer o sol, moitos son os cemiterios que quedan iluminados pola tenue luz das candeas que pestanexan ao lado dos centros florais. Un fulgor que non é só luz, senón a chama dunha memoria eterna que os galegos, cada 1 de novembro, se negan a deixar extinguir.

Doces de Santos na Feira de Monterroso, este sábado. EFE: Eliseo Trigo Doces de Santos na Feira de Monterroso, este sábado. EFE: Eliseo Trigo
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade