Nadia Calviño: "España destaca como a economía máis dinámica de Europa"
A presidenta do Banco Europeo de Investimentos destaca "a vitalidade e a forza da economía española" nun contexto de incerteza e volatilidade
Coincidindo coa presentación na Coruña do seu libro Dos mil días en el Gobierno, confesa: "Eu sempre tentei facer política lonxe do ruído, a confrontación e os ataques persoais"
A presidenta do Banco Europeo de Investimentos, a galega Nadia Calviño, salienta o dinamismo da economía española nun contexto marcao pola incerteza e o conflito. Así o di nunha entrevista no Bos días coincidindo coa presentación na Coruña do seu libro Dos mil días en el Gobierno.
Calviño, que foi vicepresidenta económica no Goberno de Pedro Sánchez durante cinco anos, salienta os efectos que o conflito en Oriente Medio está provocando non só en Europa, senón tamén nos países do Golfo e tamén de Asia.
A vitalidade e forza da economía española
Na entrevista, Calviño analiza as consecuencias que o conflito en Oriente Medio está provocando en toda a economía mundial, e salienta a capacidade de resilienca de España que, nun contexto de incerteza, prevé un crecemento por riba do 2 %.
"España segue destacando como a economía máis dinámica, o que demostra a vitalidade e forza da economía española", salienta a presidenta do BEI no Bos días. "A situación mundial é de grande incerteza e volatilidade, e está marcada pola palabra conflito. Oxalá pronto pasemos a unha fase máis construtiva".
Un balance postivo tras cinco anos no Executivo
Calviño fai un balance positivo dos anos que estivo dirixindo a política económica no Goberno de España. "Unha sempre mira atrás e pregúntase se se puideron facer as cousas doutra maneira", explica. "Quedou algunha cousa pendente, como a Lei de protección do cliente financeiro que segue bloqueada no Parlamento, pero, en xeral, o balance é positivo, porque as reformas que se puxeron en marcha están abrindo grandes oportunidades para España como se ve no crecemento económico e na creación de empresas.
Calviño cre que a a experiencia de conformar un Goberno de coalición en España foi un proceso de aprendizaxe que está dando resultados postivos, porque "se corresponde coa diversidade da sociedade española e está sucedendo na meirande parte dos países europeos".
Asegura que foi positivo ter que repasar as súas notas para elaborar agora este libro coa súa experiencia persoal no Executivo. "Gustoume o exercicio -confesa- e faime moita ilusión presentalo na miña cidade, na miña casa, na Coruña".
Calviño asegura que non bota de menos o Congreso, e confesa, entre risas, que "ninguén é consciente da tensión e ruído que se vive no hemiciclo". "Eu sempre tentei facer política lonxe do ruído, a confrontación e os ataques persoais", explica, e segue crendo que a política "é a arte de mellorar a vida da xente".