A mocidade tamén acusa a alza de prezos dos servizos turísticos
Segundo un informe financeiro, máis da metade dos mozos tivo que recurtar as súas vacacións este ano pola suba dos prezos turísticos
A mocidade tenta esquivar a alza de custos con menos días de viaxe ou optando por destinos máis económicos
A economía non fai distincións, e se a alza de prezos é xeneralizada tamén afecta as vacacións e ás actividades de lecer.
Mais un dos sectores máis afectados é o da mocidade que segundo un estudo financeiro, recolle que un 51 por cento da xente de ata 24 anos tivo que recortar as súas vacacións este ano por mor dos altos custos no sector turístico.
"Si que notas esa suba de prezos sobre todo agora que se retiraron moitos avións do aeroporto de Santiago", comenta unha moza de Santiago de Compostela.
Unha das opcións que está escollendo a mocidade é a de contratar menos días ou optar por destinos ou alternativas máis económicas.
A xente nova confesa que busca zonas máis baratas e temporada baixa para afrontar os gastos, pero tamén defenden a propostas de axudas para poder viaxar.
Dende as empresas do turismo en Galicia están a notar este cambio na contratación de viaxes pola xente nova, cunha oferta na que o sector autóctono ten moito que dicir.
"O xeito de viaxar da xuventude é unha tendencia cambiante nos últimos anos. Prefiren compartir datas, non facer unhas vacacións longas e facelas máis curtas. En Galicia ofrecemos o camiño de Santiago para a xuventude para facelo en tres días, nas pontes, vivir épocas distintas. Iso contribúe a que esta xuventude poida ter estas vacacións anuais", comenta Jesús Picallo, vicepresidente do Clúster de turismo de Galicia.
A tendencia cara opcións máis económicas de desfrutar das vacacións semella que continuará nos seguintes meses, porque para a mocidade viaxar e coñecer outras xentes e lugares é algo xa irrenunciable.