A mocidade recupera as cámaras dixitais nun novo exemplo de moda vintage
Arrasan no mercado do segunda man, onde se venden entre 20 e 60 euros
A estética natural, afastada dos filtros, o seu principal atractivo
Unha ollada nas redes sociais ou nas tendas de segunda man non deixa lugar a dúbidas... As cámaras dixitais compactas, aquelas que usabamos no 2000, son a nova modernidade.
"Na nosa xeración foron as polaroid, e agora o boom está nas cámaras dixitais. Hai dous anos custaban uns 9 euros e agora como non as hai porque hai moita demanda poden custar máis de cincuenta euros", explica Miguel Anxo Rodríguez, director de operacións das tendas Locotoo.
En plena era dos filtros, da inmediatez e da intelixencia artificial, hai quen prefire agora ter recordos máis naturais e imperfectos. E mesmo chega a imprimilos, coma nos vellos tempos.
"Están moi de moda, as levan de noite para sacar imaxes das festas".
"Eu teño unha, mola moito o aire vintage das fotos".
"Eu tamén teño, a xente recupera estas cámaras da nenez por morriña, por ter fotos como as de antes para ensinar os fillos no futuro".
"Son máis cálidas e naturais, eu imprímoas e quedan moito mellor ca as do móbil".
Mais aló da moda, hai tamén quen atopa unha explicación técnica para a fascinación da rapazada polas imaxes destes dispositivos.
"Eles ven nisto un obxecto vintage, pero tamén teñen vantaxes no zoom e nos lentes que, ao ser físicos, achegan maior calidade ca os que teñen os móbiles, que son dixitais", comenta Juan Suárez, da Recovery Shop.
Se teñen unha cámara vella no caixón, xa saben, agora hai quen quere darlle unha segunda vida. Non teñen máis ca levala ao mercado da segunda man e contribuír de paso á economía circular da moda vintage.