A ministra de Transportes anuncia cesamentos polo erro nos trens do norte
A ministra de Transportes anuncia cesamentos polo erro nos trens do norte
Raquel Sánchez asegura que tamén haberá unha auditoría interna en Renfe e en Adif
O presidente cántabro esixe aclaracións precisas polo que cualifica como "chapuza"
Os trens de proximidades para o norte peninsular non ían poder entrar nos túneles por un erro de medidas. Estaban deseñados, pero aínda non construídos. As alertas acéndense nas administracións autonómicas afectadas ante o temor a que proxecto se demore sensiblemente.
A ministra de Transportes di que os novos deseños estarán listos para o verán, pide desculpas e anuncia cesamentos.
"Desculpas aos cántabros e ás cántabras. Onte falei co presidente Revilla, compartín o seu enfado e indignación. Non me vai tremer a man para esixir as responsabilidades, depurar as responsabilidades, e evidentemente vanse producir cesamentos decontado tanto en Renfe coma en Adif", sinalou a titular de Transportes, Raquel Sánchez.
Cantabria e Asturias son as comunidades máis afectadas, pero tamén o están en menor Galicia, País Vasco e Castela e León. O presidente cántabro pide que se delimiten as responsabilidades e reclama prazos razoables na revisión deste caso.
"Aínda non sabemos se o responsable é Adif, se é Renfe, pero ben, a ministra é xefa deses organismos públicos, dela dependen, e terán que aclaralo para que non volva ocorrer; sobre todo que nos dean uns prazos razoables", di Revilla.
A propia titular de Transportes informou da creación dun grupo de traballo para solucionar o problema e acurtar os tempos de demora.