Publicador de contidos
Publicador de contidos

A Festa da Filloa de Lugo ofrece de balde este produto típico no centro da cidade

A Festa da Filloa de Lugo ofrece de balde este produto típico no centro da cidade

Na pasada edición consumíranse unhas 11.000 unidades, cifra que se prevé superar este ano

G24.gal 13/02/2024 14:12

A contorna da praza de abastos de Lugo acolle durante practicamente todo este Martes de Entroido unha nova edición da Festa da Filloa.

A mil freixós por hora, cunha velocidade punta de ata 1.100 unidades cada 60 minutos. Esa é a capacidade de elaboración dunha filloeira instalada no centro da cidade amurallada, para lle dar cumprida resposta á demanda deste produto.

Orlando Vázquez, inventor da máquina de filloas: "É como se se fixesen as filloas na casa. E a receita tamén é a tradicional, con fariña, ovos, auga e sal. Non leva máis nada".

O enxeño, traído dende Lestedo, en Boqueixón, causou a admiración dos asistentes á festa, en que se van repartir de balde milleiros de filloas. De feito, na pasada edición consumíranse unhas 11.000 unidades, cifra que se prevé superar este ano.

Debido á boa aceptación conseguida na pasada edición, dende a Área de Participación e Servizos para a Veciñanza do Concello lugués decidiron darlle continuidade a esta iniciativa.

De xeito paralelo á Festa da Filloa, as actuacións musicais e de maxia da Praza Maior, xunto co desfile de disfraces pola tarde, completan a programación do Martes de Entroido, unha xornada que en Lugo sempre é festiva.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Pódeche interesar