A metade dos autónomos din que a súa actividade descendeu este ano, segundo o barómetro de ATA
Seis de cada dez subiron os prezos polo aumento da inflación
ATA advirte que o incremento dos alugueiros conforme ao IPC pode pechar moitos negocios
A metade dos autónomos españois aseguran que a súa actividade descendeu este ano, segundo o barómetro de ATA. E o 60 por cento prevén unha caída maior no que queda de ano. Amais, o informe revela que nove de cada dez traballadores por conta propia sufriron un incremento de gastos, principalmente polos custos da enerxía.
O 57 por cento dos autónomos din que se viron obrigados a subir os prezos pola escalada da inflación. E dende ATA advirten que a revisión dos alugueiros co IPC pode supor o peche de moitos negocios: "Se a inflación termina no nove por cento e hai que adaptar os alugueiros á suba do IPC, isto si que me preocupa, porque moitos autónomos non van poder aguantar unha revisión das súas rendas dun 9 ou 10 por cento".