A matrícula nas universidades públicas galegas volverá ser gratuíta no curso 2026/2027
A medida beneficiará o alumnado de novo ingreso e os estudantes que superen a porcentaxe de créditos esixida en cada titulación
A matrícula nas tres universidades públicas galegas e nas ensinanzas artísticas superiores volverá ser gratuíta no curso 2026/27. Así o aprobou este luns o Consello da Xunta, que tamén acordou conxelar as taxas universitarias para o alumnado que non poida beneficiarse desta medida.
A gratuidade aplicarase aos estudantes de novo ingreso que superasen a fase obrigatoria da PAU en Galicia na convocatoria de 2026 ou un ciclo superior de FP nun centro galego. Tamén poderá acceder a ela o alumnado de cursos superiores matriculado nunha universidade pública galega que aprobe a porcentaxe mínima de créditos esixida: o 90% en Humanidades e Ciencias Xurídicas, o 80% nas titulacións da área da Saúde e o 65% en Enxeñarçias e Ciencias.
Segundo destacou a Xunta, Galicia consolídase así como a comunidade coa universidade "máis accesible" do Estado, ao manter tamén os prezos públicos de matrícula máis baixos tanto en grao como en mestrado.
Ata o momento beneficiáronse desta medida 10.783 estudantes da USC, 8.136 da UDC, 7.771 da UVigo e 1.085 das ensinanzas artísticas superiores. Segundo o Goberno galego, a iniciativa supuxo un aforro de máis de 15,6 millóns de euros para as familias.