A manifestación de Queremos Galego reivindica un "novo futuro" para a lingua
Centos de persoas marcharon polas rúas de Compostela co lema "En galego, agora e sempre"
A manifestación de Queremos Galego, plataforma que xunta máis de 500 entidades sociais e culturais do país, percorreu as rúas de Compostela para reivindicar un "novo futuro" para a lingua.
"Depende de nós, da mobilización social e do compromiso dos poderes públicos" di Marcos Maceira, voceiro de Queremos Galego. "O que queremos -engade- é vivir en galego agora e sempre".
A voceira nacional do BNG sumouse á convocatoria para reinvindicar máis espazos para a lingua. "Imos traballar para que o galego gañe espazos, para que ningunha persoa se sinta discriminada por falar galego", dixo Ana Pontón, que reclamou avances nunha política lingüística "de igualdade, liberdade e fraternidade".
O secretario xeral do PSdeG tamén reclamou máis presenza do galego no ámbito educativo, da mocidade ou das novas tecnoloxías. "Son os retos que ten que asumir o novo Goberno galego", afirmou Valentín González Formoso, que asegurou que "nese camiño" o Goberno "vai poder contar co PSdeG".
Foi día de reinvindicación, pero tamén, segundo Queremos Galego, de celebrar os éxitos conseguidos no último ano. A sentenza que garante o uso do galego nas administracións ou a súa introdución en plataformas e produtos audiovisuais son pasos, din, cara a ese novo futuro da lingua.