Publicador de contidos

Publicador de contidos

Garantir a presenza do galego nas pantallas, obxectivo do novo Plan de Normalización da Lingua

Garantir a presenza do galego nas pantallas, obxectivo do novo Plan de Normalización da Lingua

Revitalizar o uso do galego entre os máis novos e garantir a súa presenza nas pantallas e promover contidos dixitais de todo tipo son algunhas das 700 medidas para garantir o futuro do noso idioma

O borrador será a base da que partirá a Xunta para intentar acadar un acordo político unánime co resto das forzas

O Goberno galego ábrese a modificar a lexislación sobre o galego e a negociar a súa presenza no eido educativo

G24.gal 15/07/2026 14:13 Última actualización 15/07/2026 14:40

Revitalizar o uso do galego entre os máis novos e garantir a súa presenza nas pantallas, promovendo contidos dixitais de todo tipo. Son algúns dos obxectivos da proposta de actualización do Plan Xeral de Normalización da Lingua que se presentou en Santiago.

130 expertos traballaron durante meses para actualizar o anterior plan xeral, do ano 2004. O mundo cambiou demasiado e a globalización foi un lastre para as linguas minoritarias. O académico Manuel González encabezou o equipo que redactou o borrador.

"Cómpre que ilusionemos os galegos de toda condición na idea de que a lingua é o principal elemento histórico e social da nosa identidade", dixo González.

O borrador será a base da que partirá a Xunta para intentar acadar un acordo político unánime co resto das forzas. Deste xeito trazaríase a folla de ruta das políticas lingüísticas da próxima década cos menores, a tecnoloxía e a Administración como principais áreas de traballo.

"Que esta fermosa lingua siga sendo por sempre a poderosa razón do noso xeito de ser", conluiu o conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos.

O conselleiro de Cultura abriuse a negociar co resto de forzas políticas representadas no Parlamento de Galicia a presenza da lingua na educación, que actualmente está marcada polo decreto para o plurilingüismo de 2010. "Sempre que exista a unanimidade necesaria", matizou.

Así o trasladou aos medios ao remate do acto organizado para presentar este plan, co que o Goberno galego pretende marcar a folla de ruta para o idioma nos próximos 10 anos. "O Plan non entra en cuestións tan concretas e tan decisivas como o tema do decreto. Fala dun marco normativo, dunha estratexia xeral, na que si que se recolle que pode haber certos axustes que permitan actualizar a norma", expuxo.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade