A inflación sobe ao 4,1 % e a alza dos alimentos modérase ao 12,9 %
A moderación en 3,5 puntos da inflación dos alimentos en abril é a maior da serie histórica
A taxa anual de inflación aumentou oito décimas en abril, ata o 4,1 %, pola suba dos carburantes e un menor descenso da electricidade, mentres que o encarecemento dos alimentos moderouse ao 12,9 % tras encadear dous meses con subas récord por riba do 16 %.
O Instituto Nacional de Estatística (INE) confirmou este venres o dato de inflación xeral adiantado hai dúas semanas, así como o da inflación subxacente (sen enerxía nin alimentos frescos), que se moderou 0,9 puntos situándose no 6,6 % interanual pola ralentización do prezo dos alimentos.
A moderación en 3,5 puntos da inflación dos alimentos en abril é a maior da serie histórica influída pola baixada de prezo dos legumes e hortalizas, e por un menor aumento que hai un ano do prezo da carne, o pan, os aceites, o leite, o queixo e os ovos. É a taxa máis baixa desde xuño de 2022, tras dous meses con alzas superiores ao 16 %.
Electricidade e combustibles á alza
Dos 0,8 puntos porcentuais de repunte da taxa xeral de inflación, o grupo da vivenda aportou 0,945 puntos despois de que a caída do 36,2 % do prezo da electricidade en abril fora menos intensa que a rexistrada hai un ano.
O grupo do transporte sumou 0,769 puntos pola suba do prezo dos carburantes e lubricantes para vehículos persoais, cun alza do 3,2 % para a gasolina e unha caída menos intensa do gasóleo cun 7 %.
Pola contra, o grupo de alimentos e bebidas non alcólicas restou 0,711 puntos compensando a contribución positiva dos dous grupos anteriores á suba da inflación xeral.
Os aceites comestibles son a única clase de alimentos que disminúen de prezo en abril respecto a un ano antes (26,7 %), mentres que o resto seguen subindo en taxa anual pero en menor medida que nos meses anteriores. O aceite de oliva sobe un 22,2 % pero son dez puntos menos que no mes de marzo.
A maior suba segue sendo para o azúcar (49,6 %) seguida pola mantequilla (31,2 %) e o leite enteiro (27,7 %).
As menores subas son para a froita fresca (2,9 %), os frutos secos (3,8 %) e o marisco (5,6 %).
Inflación en Galicia
O índice de prezos de consumo (IPC) subiu un 4,1 % en Galicia en abril en comparación co mesmo mes de 2022, o que supón unha repunta respecto ao ritmo do 3,4 % ao que medraba en marzo, segundo os datos do Instituto Nacional de Estatística.
O incremento de prezos dos alimentos modérase en Galicia, xa que medra un 12,9 % interanual en abril, o que supón catro puntos menos que o 16,6 % que se computaba en marzo.
Calviño celebra a baixada da inflación en alimentos e confía en seguir por esta "senda"
A vicepresidenta primeira e ministra de Asuntos Económicos e Transformación Dixital, Nadia Calviño, enxalzou este venres a moderación en 3,6 puntos da inflación dos alimentos en abril e que sexa a maior da serie histórica, polo que confía en “seguir nesa senda”.
A vicepresidenta primeira referiuse aos datos divulgados polo Instituto Nacional de Estatística, pois o INE “confirma a forte baixada da inflación dos alimentos”, ao tempo, destacou Calviño, que comeza a baixar tamén a inflación subxacente (sen enerxía nin alimentos frescos), que se moderou 0,9 puntos.
Deste xeito, “vemos que España mantense como un dos países europeos coa inflación máis baixa”, comentou a ministra en declaracións á prensa, xa que a pesar de que a taxa anual de inflación aumentou 0,8 puntos en abril, ata o 4,1 %, “a inflación baixou cinco puntos en cinco meses”.