A inflación repercute de cheo nos petos dos consumidores
A alimentación, a electricidade e os carburantes encabezan esta suba de prezos
Segundo o IGE, a inflación subiu en Galicia ata 9,6 % no mes de maio
As provincias de Pontevedra e Ourense son as que teñen o IPC máis alto
Facer a compra é moito máis caro que hai un ano. Así o contan os propios consumidores.
"Eu antes facía unha compra grande ao mes, que levaba pois aceite... de todo. E facíao por uns cen euros como moito. E agora o mesmo, porque levo o mesmo, custa entre 130 e 140 euros", asegura unha muller.
A inflación subiu en maio ata o 8,7 % en España e ata o 9,6 % en Galicia, onde as provincias de Pontevedra e Ourense son as que suman un IPC máis alto. Nese senso, sectores básicos como o da alimentación, son os peor parados.
Na provincia de Pontevedra, a vivenda, a auga, a electricidade, o gas e os combustibles son un 22 % máis caros que hai un ano.
A suba dos salarios pactada por convenio está seis puntos por debaixo do IPC respecto a este último mes. O Goberno estuda medidas complementarias para lograr a desaceleración dos prezos na segunda parte do ano.