A inflación obriga a cambiar algúns hábitos de consumo
Aumenta nun 3,2 % a compra de marcas brancas
Os cartos que ían parar á cesta da compra son agora para pagar o incremento do recibo da luz
"As cousas soben moito, vas ao súper, antes con 100 euros enchías un carro, agora con 100 euros traes medio carro e o salario é o mesmo", comenta unha señora
Os salarios non se moven ao mesmo ritmo que os prezos e os petos das familias, sobre todo as que teñen rendas máis baixas, nótano. Destinar unha boa parte do presuposto de gastos ao recibo da luz obriga a reducir noutras partidas. Na cesta da compra xa non entra o mesmo.
"Antes comprabas de marca, mellores, e agora xa tes que tirar á marca branca", continúa
"Non é que se malgastase, pero hai cousas que che gustaban antes e que agora dis teño que gardalo para outra cousa porque a luz está vaia", apunta outra.
Segundo un informe do Banco de España a inflación motivou un cambio nos hábitos de consumo. Ademais de na cesta da compra, nótase noutros produtos máis duradeiros.
"Moita xente vén aquí preguntando se o electrodoméstico pode ser reparado ou non porque non lle dá para comprar outro entón buscan a forma de prolongar a vida do que teñen", explica Gabriel Vázquez, dependente nunha tenda de electrodomésticos.
"Necesita un cambio a lavadora pero ten que agardar un pouco", comenta unha muller.
"Estirando a vida do coche que o meu xa ten 23 anos, esperando a ver, mentres siga vou tirando con el", apunta un señor.
Outra partida que tamén se viu afectada é a que se destinaba as vacacións.
"Nada, nada diso esquécete non queda máis remedio que estar na casiña", continúa.
"Non collemos as vacacións que faciamos antes ao mellor e ben creo que o de todo o mundo agora mesmo", comenta un rapaz.