A Illa de Arousa celebra a festa do polbo con receita propia
Á prancha, á feira pero tamén á Illa, os visitantes poderán desgustar o polbo durante toda a xornada
Máis de seiscentos quilos do cefalópodo repartiranse entre os comensais
As racións ofrécense a 14,50 euros e a festa seguirá todo o serán
É o terceiro día da festa do polbo no paraíso que é a Illa de Arousa e a xornada promete. Dende o mediodía os visitantes máis ansiosos comezaban a degustar o prezado petisco.
"Para unha vez que hai esta festa séntese un moi cómodo, con estas vistas e neste sitio. Tomar unha tapiña de polbo aquí á beira do mar é moi agradable", comenta un dos asistentes.
A catorce euros e medio a ración, os seiscentos quilos de polbo preparados durante toda a festa esgótanse nun suspiro, sexa á prancha ou á feira.
"A xente moi ben, está moi contenta e estamos tendo sorte co tempo e hai moita xente", apunta Juan Caderno, polbeiro que vén do Carballiño a traballar nesta celebración.
Aínda que a preparación estrela é unha receita propia, a modalidade á Illa.
"A diferenza é que, á parte do polbo, leva pataca e un prebe feito con cebola, allo, pementón e aceite de oliva", describe José Bouzas, que participa na organización do evento.
Os que prefiran combinar, tamén poden apostar pola paella, volandeiras ou mexillóns. A cousa é pasalo ben.
"Estamos hoxe repartindo tíckets ata as catro e despois volvemos á noite. Mañá xa non hai. Teñen que vir hoxe", así anima Sheila Torrado, da comisión organizadora, a desfrutar desta efeméride gastronómica.
Os cartos que se recaden destinaranse a promover o deporte entre a rapazada, xa que irán á entidade organizadora, que este ano recae no Club Ximnasia Rítmica Arousa. A mala nova é que hoxe é a última xornada da festa; a boa, que continúa todo o día.