A hostalaría fortifícase para a calor con máis produto e reforzos de persoal
Nos locais da costa sobre todo esperan máis xente do habitual esta fin de semana
Algunhas terrazas están practicamente completas para as noites dos próximos días
É o Paraíso, aínda que sexa con calor infernal. Os bares próximos á costa son os lugares máis solicitados estes días de calor extrema, sobre todo polas noites.
O sector da hostalaría xa está preparado, son moitos os negocios que, en previsión das altas temperaturas, fixeron pedidos de máis bebida e comida. E tamén hai algúns que reforzan a cantidade de traballadores sabendo que terán que atender máis clientes.
A xente busca fresco, a que vén do mar e a que chega nas copas e nas bandexas. Os benaventurados poderán gozar dun sopro de brisa, outros terán que traballar máis.
"Sobre todo ás horas da comida, a merenda... Son as horas punta en que a xente pide empanadillas, bocatas... Así que estamos no forno e non paramos", relata Aitana Malleiro, unha das camareiras do quiosco El Chiringuito de la Fuente, a pé de praia en Vigo.
A previsión é que nas Rías Baixas as máximas pasen cumpridamente dos trinta graos esta fin de semana, tamén co que se considera noites tropicais. Por iso, as terrazas ferven de actividade. Hai locais que o venres pola mañá xa tiñan case todas as mesas reservadas. E saben que seguirá sendo así mentres dure a calor.
"Esta semana xa estamos enchendo os almacéns. A cociña non para de producir. E incrementamos persoal un cincuenta por cento, con tres persoas máis de reforzo para atender todas as mesas", explica Antón Álvarez, encargado de La Villa, un dos locais que dá directamente ao paseo de Bouzas, en Vigo.
E aínda estamos a 12 de xuño. Ata o corenta de agosto, polo menos, a vida seguirá así no Paraíso.