A Garda Civil reconstrúe canda o detido o crime do neno de Lardero
Fixérono en secreto para evitar incidentes cos veciños
Axentes da Garda Civil reconstruíron durante catro horas, das 4 da tarde ata as 8 do serán, o crime do neno de Lardero, na Rioxa. O único detido pola morte do rapaz estivo presente para aclarar as circunstancias e como sucederon os feitos na vivenda que ocupaba o home.
Os veciños da zona agardaron no exterior do andar número cinco da rúa Río Liñares, onde se fixo a reconstrución. Os axentes evitaron comunicar a hora á que se ía realizar para evitar calquera incidente coa poboación.
O crime sucedeu o venres. O menor xogaba nun parque e participaba nunha festa de Halloween canda os seus amigos. Ás 20:24 horas a nai chamou a Garda Civil pola desaparición do seu fillo. Varias testemuñas declararon que un home o levou mediante enganos.
O arrestado, Francisco Javier Almeida, xa tratara días atrás de levar outra menor da zona. Unha nai denunciou daquela os feitos ante a Garda Civil. A fotografía que fixo unha nena do home na ventá da vivenda foi determinante á hora de dar con el.
Un veciño encontrou o home que levaba o neno inconsciente nos seus brazos e berraba que se desmaiara. Deseguido apareceu unha patrulla da Garda Civil que o detivo.
O cativo morreu na ambulancia que se desprazou ata o lugar. Houbo mesmo intentos de linchamento do arrestado, que precisou protección policial.
A sociedade rioxana está conmocionada polo asasinato do neno. Francisco Almeida estaba en liberdade condicional desde febreiro de 2020 tras máis de 20 anos no cárcere acusado da agresión sexual a unha nena, unha violación en 1993 e o crime dunha axente inmobiliaria en 1993.