Detido un home de 80 anos no Carballiño por cravarlle un punzón nun brazo a un veciño
A agresión aconteceu en Mesego, supostamente tras unha discusión por un aparcadoiro
A vítima foi trasladada ao hospital de Ourense en ambulancia e recupérase das feridas
As dúas familias xa tiveran outras leas con anterioridade
Na rúa de Mesego, onde viven os dous veciños implicados na lea, aínda se podían ver os restos de sangue.
O máis novo recriminoulle ao outro que estivese aparcado diante da súa casa, foi entón cando o condutor saíu do coche cun punzón e, presuntamente, cravoullo nun brazo.
Unha ambulancia trasladou axiña o ferido ao hospital de Ourense, onde foi atendido das súas lesións, mentres a Garda Civil levaba detido o presunto agresor, de 80 anos.
A veciñanza desta aldea do concello do Carballiño lamenta, di, que dous veciños que viven practicamente porta con porta chegaran a estes extremos, pero tampouco os sorprende, as dúas familias arrastran conflitos e refregas dende hai tempo.
Tras prestar declaración, o detido quedou onte pola tarde en liberdade coa obriga de comparecer nos xulgados do Carballiño. A vítima recupérase das feridas.