Publicador de contidos

Publicador de contidos

A Garda Civil busca o autor dunha agresión e dun roubo a un hostaleiro de Valdoviño

A Garda Civil busca o autor dunha agresión e dun roubo a un hostaleiro de Valdoviño

O delincuente substraeulle á vítima as chaves do seu coche, que despois empregou para fuxir

G24.gal 05/10/2026 13:59

O bar Kami, de Valdoviño, escenario dos feitos, permanece pechado. O seu propietario tivo que ser trasladado en ambulancia ao hospital Arquitecto Marcide, de Ferrol, tras sufrir unha agresión nada máis abrir o seu negocio, contra as dez da mañá deste domingo.

"El dixo que non o coñecía. Eu creo que o estaba agardando porque ás dez da mañá, que é cando abre, nin caixa ten feita. Non o entendo. O meu home estaba na cama e díxome: están pedindo auxilio. Asomeime á ventá e vin un home forte, medio calvo saír. Pero non sabía que pasara", comenta unha veciña. 

O que pasou foi que, no momento en que o propietario se dispuña a abrir o seu bar, un home entrou canda el e abordouno.

"Abriu e o rapaz con el, pediulle se o levaba a Caranza. Díxolle que como o ía levar se acababa de abrir. E aí houbo un forcexo". "O que viña de fóra, entrou na cociña e colleu un coitelo ou algo e foi cando o cortou no pescozo e na cabeza". "E despois vin o rapaz do bar, correndo malamente, como se o golpeasen".

O home agrediuno, pero tamén lle roubou.

"Sacoulle os cartos e tamén as chaves. Non sei se as levaba colgadas, pero unha rapaza ensinounos a cadea rota".

Eran as chaves do coche co que o delincuente fuxiu cara ao barrio ferrolán de Caranza. Alí foi onde, minutos despois, a policía localizou o vehículo roubado. 

"Rouboulle o coche. E el, pobriño, dicía do coche... pero eu dicíalle que primeiro era a súa vida."

A Garda Civil mantén aberta unha investigación para poder dar co paradoiro do autor destes feitos, prendelo e poder así esclarecer que foi o que pasou.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade