A G2 e AGalega.gal ofrecen este mércores o derbi Básquet Coruña-Ourense
A partir das 20:45 h chega o primeiro derbi galego da temporada na Primeira Federación
O xoves tamén haberá baloncesto, co partido de volta dos dezaseisavos de final da Eurocup Women entre o Baxi Ferrol e o San Giovanni de Milán
O Básquet Coruña, líder invicto, recibe no Coliseum o Ourense. Os herculinos acaban de gañar en Zamora, mentres o cadro das Burgas non puido xogar en Fuenlabrada por unha intoxicación alimentaria de oito dos dez xogadores que compoñen a lista.
O Básquet Coruña ten trazado como obxectivo principal regresar á Liga ACB pola porta grande, é dicir, quedando campión da liga regular e sen ter necesidade de entrar na eliminatoria de cuartos de final e, posteriormente, na final a catro. O Ourense non aspira a tanto, pero ata o momento está ilusionando os seus afeccionados ao aparecer como noveno clasificado, praza que dá dereito a entrar na fase de ascenso.
O xoves, o baloncesto continuará na G2 e en AGalega.gal, desta volta co segundo partido da eliminatoria de dezaseisavos de final da Eurocup Women. O Baxi Ferrol recibe na Malata o San Giovanni de Milán, ao que xa derrotaron a semana pasada na cancha italiana por unha diferenza de dezanove puntos, 62-81. Así e todo, a superioridade galega non chegou ata o terceiro cuarto, porque no descanso as italianas só perdían por catro puntos.