Publicador de contidos

Publicador de contidos

A Fundación MOP inaugura en novembro unha mostra de fotografía dedicada a Annie Leibovitz

A Fundación MOP inaugura en novembro unha mostra de fotografía dedicada a Annie Leibovitz

Wonderland, que se poderá visitar do 22 de novembro ao 1 de maio, é a primeira gran retrospectiva en España da obra de Leibovitz

Inclúe retratos íntimos de músicos como Bob Dylan, Grace Slick, John Lennon, Mick Jagger ou Keith Richards para a revista Rolling Stone

Marta Ortega: "Annie posúe un talento máxico para captar a aura das persoas que retrata. O seu xenio reside na súa capacidade para atopar continuamente eses momentos, esas verdades, que non están á vista de ninguén máis"

Fundación MOP Fundación MOP
G24.gal 11/09/2025 10:01

A Fundación Marta Ortega Pérez (MOP) inaugurará en novembro no porto da Coruña unha nova exposición de fotografía dedicada a Annie Leibovitz.

A Fundación da presidenta de Inditex informou este xoves de que Wonderland, que se poderá visitar do 22 de novembro ao 1 de maio, é a primeira gran retrospectiva en España da obra de Leibovitz.

Esta nova exposición, a sexta tras as de Peter Lindbergh, Steven Meisel, Helmut Newton, Irving Penn e David Bailey's, desprega en toda a súa amplitude o cegador universo fotográfico de Leibovitz: un espazo inzado de personaxes notables e historias extraordinarias por onde, como describe Anna Wintour: "Annie parece viaxar coa mirada asombrada dunha estraña… guiándonos por eses mundos que a todos nos encantaría visitar".

A primeira dedicada a unha muller

A mostra, a primeira dedicada a unha muller, arrinca cos seus primeiros anos, nos que labrou unha excelente reputación polos seus retratos íntimos de músicos como Bob Dylan, Grace Slick, John Lennon, Mick Jagger ou Keith Richards para a revista Rolling Stone, e percorre despois a súa traxectoria polo mundo da arte, o cinema, a música, o deporte e a política, para dar paso, por último, a unha ampla selección da súa fotografía de moda, gran parte da cal nunca se expuxo ao público e constitúe a alma da mostra.

"Annie posúe un talento máxico para captar a aura das persoas que retrata. O seu xenio reside na súa capacidade para atopar continuamente eses momentos, esas verdades, que non están á vista de ninguén máis", segundo sinala Marta Ortega.

"Entusiásmame que sexa a primeira muller en presentar o seu traballo dentro do noso programa de grandes exposicións de fotografía na Coruña. Ao longo da súa carreira, Annie foi unha extraordinaria representante das mulleres de todas as idades. En particular, as súas imaxes de mulleres maiores son dunha dignidade e beleza sen parangón", indica a presidenta de Inditex.

 

Lembra que, durante máis de cincuenta anos, as imaxes de Leibovitz, sacaron á luz o lado máis humano que se esconde tras a fachada dos coñecidos rostros que se cruzaron diante do seu obxectivo. Como dixo Bruce Springsteen: "A forma en que Annie te retrate será a forma en que o mundo tee verá".

Catro seccións diferenciadas

Wonderland consta de catro seccións diferenciadas que nunca antes se presentaron xuntas nunha única mostra, polo que arrinca cunha instalación inmersiva do traballo de Annie Leibovitz cos Rolling Stones. A continuación, as seccións Early Years e Stream of Consciousness mostran a evolución dos códigos da fotógrafa nos seus diferentes estilos e plasman o seu proceso de creación e a súa voz narrativa.

Ambas as seccións presentan coñecidos retratos de escritores, intérpretes e artistas visuais emblemáticos, xunto con imaxes de paisaxes, interiores e obxectos.

A última sección, que dá título á exposición, Wonderland, presenta máis de 100 impresións (moitas das cales nunca antes expostas) e instalacións de vídeo sobre o seu traballo no mundo do estilo e a moda.

Annie admite sen reparos non considerarse nunca unha fotógrafa de moda. E, aínda así, sostén: "Conservei as miñas fotografías de moda ao longo dos anos porque non estaba segura de onde encaixaban... Entón comprendín que formaban parte dun todo".

A exposición está acompañada por unha película e unha publicación producidas para a ocasión pola Fundación MOP con entrevistas con persoas que colaboraron estreitamente con Annie Leibovitz ao longo da súa carreira, como Bruce Springsteen, Patti Smith, Gloria Steinem, Karen Elson, Tina Brown, Mary Howard e Phyllis Posnick. 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade