A frota da Illa retoma o marisqueo con pouca cantidade pero bos prezos
As embarcacións están a traballar nos bancos menos produtivos
O quilo de ameixa rubia pagouse a 24 euros, e a 15 o de xapónica
Retomaron a actividade nos bancos máis pobres da Illa e atoparon xusto o que agardaban: pouco marisco nos raños e moitas horas no mar para lograr completar as cotas.
"Non logramos chegar ao tope entre os dous, quedounos pouco pero non o logramos. Berberecho témolo todo e a ameixa rubia non, o cousa está mal este ano, pinta mal".
O que quizais non agardaban os mariscadores da Illa foi o prezo que obtivo o marisco na lonxa, coa ameixa rubia como estrela.
"Foi o máis sorprendente, a a ameixa rubia nestas datas adoita pagarse a 15 euros en lonxa, onte chegou a 24. Tamén somos a única lonxa de Arousa aberta con ameixa rubia", explica Juan José Rial Millán, patrón maior da Illa de Arousa.
Prezos altos que lles dan enerxía para seguir mariscando nestas zonas menos produtivas da Illa. Polo menos ata que se poida traballar nos mellores bancos, eses que a confraría reserva para o verán.
"Agora en maio non entramos para que desoven e ademáis queremos que collan talle comercial, está ao límite, imos aguantar o máximo posible".
"Non sei como sairá a cousa. Hai moita incerteza ao respecto. O ano pasado había ameixas pequenas, pero levaron moita auga doce no inverno, a ver que pasa".
Agardan que esa medra se produza e poder recuperar cara ao final de ano o perdido nun inverno catastrófico para o marisqueo por culpa dos temporais.