A frota comeza a amarrarse polo encarecemento de combustibles
Reclaman axudas públicas tras triplicar os seus custos
A alza dos combustibles comeza a facer inviable a actividade pesqueira.
Basilio Otero, presidente da Federación Nacional de Confrarías de Pescadores, conta que "en xaneiro do ano 21, a media estaba en 0,36. En xaneiro do ano 22, estaba en 0,56. E agora a media esta en 1,10, o cal é insostible, pagar tres veces máis por encher o tanque do gasóleo".
Nestas circunstancias, en portos como Cambados estudan se amarrar a frota como fixeron a principios de semana algúns barcos de Celeiro.
Roberto Costa, patrón maior de Cambados, prevé: "Un paro inminente porque estamos traballando a perdas, e isto é insoportable". Un dos armadores explica: "De cinco días que imos ao mar, un día é para gasóleo".
E todo ás portas de costeiras máis importantes do ano, como as do bocarte ou a da xarda. O prezo do combustible é só unha das inquedanzas que lles provoca a guerra na Ucraína.
"Dáse a casualidade de que o 40 % do peixe vai para Rusia e mais para Ucraína", conta un patrón.
A Federación Nacional de Confrarías reclama unha xuntanza urxente co ministro de Pesca Luis Planas para artellar axudas ao sector: outramente, auguran unha paralización total da actividade en cuestión de días.