Publicador de contidos

Publicador de contidos

A fórmula de dúas grandes empresas familiares para perdurar: separar ocio e negocio

A fórmula de dúas grandes empresas familiares para perdurar: separar ocio e negocio

Os datos indican que as compañías familliares teñen cada vez máis peso na economía española

Galicia é especialmente familiar, o 94 % das empresas teñen liñaxe

Dúas firmas lonxevas: Babé y Cía chega xa á quinta xeración; o Grupo Pereira vai pola terceira

G24.gal 07/05/2025 10:41 Última actualización 07/05/2025 13:58

As empresas familiares son cada vez máis e teñen cada vez máis peso na economía española, máis aínda en Galicia. É a conclusión fundamental do informe que acaba de publicar o Instituto da Empresa Familiar, que actualiza os datos dos últimos dez anos en toda España.

Galicia é unha das comunidades máis familiares, porque aquí o 94 % das empresas teñen liñaxe. Cal é a fórmula para perdurar? Babé y Cía fundouna hai 137 anos un coruñés en Vigo e hoxe chega á quinta xeración. O grupo Pereira vai polo terceiro chanzo pescando en seis países. 

"Mantemos unha piña, que esa é a miña misión, ser cabeza de familia e manter unha piña familiar", explica Javier González-Babé, presidente de Babé y Cía.

"Nós dende hai moito tempo temos un protocolo familiar que rexe todo tipo de situacións", conta Rui Andrade Pereira, conselleiro e director de Relacións Institucionais do grupo pesqueiro. "Pero temos moi claro que o principal é a empresa", asegura.

O informe do Instituto de Empresa Familiar indica que en Galicia hai sesenta mil empresas desta clase. Aínda que case todas son pequenas ou microempresas, hainas tamén moi grandes.

Pereira ten agora mesmo vinte barcos e 1.150 empregados. Babé y Cía, especializada no transporte de mercadorías perigosas, desprega máis de douscentos camións por media España, de Barcelona a Huelva con centro en Vigo. As dúas contan con protolocolos internos para separar o ámbito familiar das decisións empresariais.

"Eu por exemplo co meu irmán, que traballa aquí, endexamais fóra de aquí falamos de traballo. Nas comidas familiares o traballo non sae", conta Cristina González-Babé, a directora xeral da empresa.

"Intentamos separar as cousas", relata Rui Andrade Pereira, "pero ás veces non é posible. Nos xantares familiares é inevitable falar de cousas da empresa".

Só o un coma dous por cento das empresas familiares chegan á terceira xeración. Babé e Pereira son dous exemplos de compañías que xa superaron ese marco.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade