A folla de ruta para abandonar os combustibles fósiles divide o cume do clima
O último borrador presentado polo Brasil, anfitrión do encontro, non menciona un plan gradual para deixar atrás os hidrocarburos
O cumio do clima, que se celebra na localidade de Belém, entrou na recta final sen consensos e con duros reproches aos borradores presentados pola presidencia brasileira.
Decenas de países, entre eles España, reclaman que o texto final inclúa unha folla de ruta clara para abandonar os combustibles fósiles. De feito, ata 40 Estados asinaron unha carta para pedir cambios de calado.
Pero os grandes produtores de petróleo opóñense. Na cidade brasileira de Belém traballan contra o reloxo 195 delegacións para atopar un punto de equilibrio que, de momento, preséntase complicado.
A vicepresidenta terceira e ministra de Transición Ecolóxica, Sara Aagesen, vaticinou que "a noite vai ser longa", para tratar de pechar as negociacións no cume climático COP30.
Contexto "moi complicado"
Segundo declarou á prensa durante un receso, o contexto das negociacións é "moi complicado", xa que hai que tratar de atopar "equilibrio entre as posicións".
"A ambición de España está asegurada".
A vicepresidenta referíase así ao tema máis polémico do cume, unha proposta para impulsar unha folla de ruta para deixar atrás os combustibles fósiles, unha iniciativa que desapareceu do último borrador presentado polo anfitrión.
Esa proposta dividiu en dous o cume, que chegou a un punto de bloqueo pola oposición frontal dos grandes países produtores de petróleo a discutir a cuestión que abandeiran a Unión Europea e Colombia, entre outros países.
Antes, o comisario da UE de Clima, Wopke Hoekstra, declarou no encontro que "baixo ningunha circunstancia" aceptarán un texto que non faga referencia á necesidade de abandonar os hidrocarburos, segundo unha transcrición divulgada do seu discurso.
Ademais, advertiu que só de mencionaren ese tema, a UE "moverase da súa zona de confort" en canto ao financiamento das accións de adaptación, unha das principais demandas dos países en desenvolvemento.
Primeiro borrador
A presidencia brasileira presentou un primeiro borrador o martes no que se establecía a meta de triplicar o financiamento para a adaptación e falábase dunha "folla de ruta" para abandonar os hidrocarburos de forma gradual.
Con todo, esta mención eliminouse do último texto presentado polos brasileiros este venres, o que provocou o descontento de varios países e da sociedade civil reunida en Belém.