A Fiscalía rebaixa a petición de penas no caso do narcosubmarino de Aldán
A fiscalía rebaixa a petición de penas para os 7 acusados
O xuízo quedou visto para sentenza
Na derradeira xornada do xuízo, a Fiscalía rebaixou as penas solicitadas para os sete procesados polo narcosubmarino interceptado en Aldán con 3.000 quilos de cocaína a bordo.
O que non modificou foi a acusación de autores dun delito contra a saúde pública. Si descartou imputarlles o de pertenza a organización criminal porque, entende o fiscal, que eles non eran os donos da droga.
Inicialmente pedía 13 anos e medio de cadea para todos os acusados, agora, para os tres tripulantes do submarino, que admitiron os feitos, solicita condenas de 12 anos e medio para o vigués Agustín Álvarez, ao que considera patrón da embarcación, e de doce anos para os dous ecuatorianos, Luis Benitez e Pedro Delgado.
As defensas dos tres tripulantes amosáronse desconformes coa penas pedidas pola Fiscalía.
"Solicitamos que se proceda a impoñerlle ao cliente a pena mínima. Evidentemente a autoría está clara, recoñeceu os feitos e foi detido a carón do submarino e, polo tanto, a condena era inevitable", di Manuel Ferreiro, avogado defensor de Pedro Delgado.
Os catro acusados de agardar os 3.000 quilos de cocaína en terra, negaron estes feitos que se lles imputan, a Fiscalía pide para eles penas de entre nove e sete anos de cadea. Os seus avogados manteñen a petición de libre absolución.
"Nós consideramos que si, que el non tivo coñecemento de todo o que existía detrás do encargo que recibiu de axudar un amigo e, polo tanto, entendemos que si, que debería ser absolto", afirma Guillermo Presa, avogado defensor de Rodrigo Hermida.
O xuízo celebrado na Audiencia Provincial de Pontevedra quedou visto para sentenza.