Publicador de contidos

Publicador de contidos

A Fiscalía pide reforzar a protección das vítimas de maltrato aínda que estas non o soliciten

A Fiscalía pide reforzar a protección das vítimas de maltrato aínda que estas non o soliciten

A fiscal de sala contra a Violencia sobre a Muller dá instrucións para que na fase de investigación se requira o ingreso en prisión ou a imposición de dispositivos de control telemático, aínda a pesar de que as mulleres que sofren a violencia machista non o pidan

A ministra de Igualdade apoia alertar sobre maltratadores reincidentes pero cre que "non hai variñas máxicas"

As organizacións de atención ás vítimas de violencia de xénero piden máis recursos 

G24.gal 11/01/2023 11:35 Última actualización 11/01/2023 15:19

Os fiscais nos casos de violencia de machista van pedir as medidas cautelares que sexan necesarias para reducir o risco para as mulleres e os seus fillos, aínda que as vítimas non as soliciten. Así requirirán aos xuíces que os sospeitosos ingresen en prisión ou que se lles impoña a instalación de dispositivos telemáticos. Será para situacións de risco extremo, alto ou medio de especial relevancia.

Son algunhas das instrucións que remitiu a Fiscal de Sala contra a Violencia sobre a Muller, Teresa Peramato, aos fiscais delegados de Violencia de xénero de toda España para coordinar actuacións destinadas a mellorar a protección das vítimas.

Peramato reclama no seu escrito aos fiscais que interveñen nas gardas de violencia de xénero "intensificar a actuación proactiva" para a protección das vítimas, e que soliciten cando cumpra, e aínda que elas non o interesen, as medidas cautelares que sexan necesarias para evitar na medida do posible o risco de reiteración de condutas violentas e de feminicidio.

Así, tras valorar toda a información dos rexistros policiais (VioGén), de Xustiza (Siraj) e outros, os fiscais deberán solicitar as dilixencias que se precisen para determinar o risco con maior exactitude, en concreto, a valoración forense do mesmo.

Recorda que, para analizar a posibilidade de pedir prisión preventiva, débese ter en conta a proba "que sexa necesaria e transcendental e que poida practicarse no prazo das 72 horas".

E naquelas situacións nas que non se pida prisión, pero exista risco “extremo”, “alto” ou “medio de especial relevancia” o ministerio público reclamará que se lles impoña aos investigados dispositivos telemáticos de detección da proximidade.

Amais, se no curso da tramitación da investigación a situación de risco da vítima se agravase e non se acordara a prisión provisional, deberá solicitarase tamén a instalación do dispositivo.

A fiscal de Sala explica que no 42,85 % dos feminicidios ocorridos do 1 de xaneiro ao 31 de decembro de 2022 había denuncias previas. Pero fronte a eses datos, só en 6 ocasións se decidiu a orde de protección e noutras 4 ocasións ditouse sentenza condenatoria (en dúas ocasións estaba vixente a prohibición de aproximación).

Segundo os datos do CXPX do terceiro trimestre de 2022, a proporción de solicitudes de ordes de protección en relación co número de denuncias é do 20 % (10.302 solicitudes fronte a 49.479 denuncias) e as acordadas foron o 66,7 % das solicitadas (6.873), polo que en relación ao total de denuncias interpostas acordouse protección nun 13,9 % dos supostos denunciados.

"Son datos que, a primeira ollada, alertan da escasa protección penal que se dispensa durante a tramitación dos procedementos por violencia de xénero", asevera Teresa Peramato. 

"Non hai variñas máxicas"

A ministra de Igualdade, Irene Montero, apoia a proposta de Interior de alertar as novas parellas de maltratadores reincidentes, pero cre que non é a solución. En opinión de Montero "non hai variñas máxicas, non hai unha soa medida que poida garantir que imos evitar todos os asasinatos".

Pensan igual as principais organizacións españolas que traballan neste eido. Este mércores lanzaron un comunicado conxunto pedindo máis recursos. Ángela Alemany, da Asociación de Mulleres Xuristas Themis cre que "non podemos pensar que polo feito de que a unha muller se lle informe de que a súa parella agrediu outra persoa, vai deixar de estar con el".

Elena Valenciano, presidenta da Fundación Mulleres, dálle a benvida "a calquera lexislación ou cambio que permita que as mulleres estean mellor protexidas", pero cre que "o foco debería poñerse máis sobre aquelas mulleres que estaban protexidas xa e foron asasinadas".

De feito, o 40% das asasinadas o ano pasado tiñan algún tipo de protección. Nas organizacións cren que está fallando a avaliación de risco. 

Tamén se pronunciou sobre o asunto a Asociación Unificada da Garda Civil. Piden reforzar o sistema con axentes da reserva para non detraer efectivos de seguridade cidadá.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade