A Festa da lagosta inaugura o verán na Guarda
Está distinguida co recoñecemento de Festa de interese turístico de Galicia
Esperan chegar aos quince mil visitantes
A prancha ou cocida, a lagosta fai as delicias dos comensais
Trinta e tres edición da festa da lagosta e da cociña mariñeira na Guarda, que xa goza do distintivo de evento de interese turístico de Galicia. As celebracións empezaron onte, pero hoxe espérase unha grande afluencia de visitantes na carpa principal.
"É o produto típico da Guarda. Está moi bo. Preparámolo á prancha ou como o prefiran, e acompañámolo con salsa á vinagreta ou maionesa para os menos atrevidos", comenta Gema do restaurante Casa Olga (A Guarda).
"Se melloramos o do ano pasado, que foi unha bestialidade, ademais de que este ano integramos o mediodía do venres, que estabamos dubitativos e saíu espectacular", congratúlase María Álvarez, do restaurante guardés O Roxo.
O ano pasado do achegáronse quince mil persoas a degustar as excelencias gastronómicas e este ano espérase superar todas as expectativas. Para responder a tamaña demanda hai xa previstas uns setecentos quilos deste valorado manxar que é a lagosta. Á prancha, cocida, con mollo á vinagreta, en croquetas ou en ensaladilla, o reclamo é irresistible e o éxito está asegurado.
A lagosta non é o único reclamo da festa. Percebes, nécoras, chipiróns, zamburiñas e polbo, regados cos caldos da zona tamén se xuntan á xolda.
"Variedade para todo tipo de petos, que é importante", apunta Patricia Vicente, do restaurante Xeito (A Guarda).
E ademais de gastronomía, tamén hai actividades musicais, rutas en barco e visitas ao castro de Santa Trega. O mellor de todo, que a festa segue mañá.