Publicador de contidos

Publicador de contidos

A Festa Choqueira volve encher a rúa da Torre da Coruña

A Festa Choqueira volve encher a rúa da Torre da Coruña

A rúa da Torre, no barrio de Monte Alto, volve converterse nun fervedoiro de cor, alegría e bo humor no martes de Entroido

Tras a Festa Choqueira, o Entroido coruñés rematará este mércores co enterro da sardiña 

G24.gal 01/03/2022 21:45

A rúa da Torre, no barrio de Monte Alto, volveu converterse nun fervedoiro de cor, alegría e bo humor no martes de Entroido.

"Aquí estou de choqueiro dando unha volta por aquí. Este ano non quixeron acompañarme por mor do covid, pero eu dixen pois eu vou igual". 

Tampouco faltou a animación coas letras e músicas das comparsas. "Con moitas ganas de festa e de pasalo ben e de coidarnos tamén porque hai unha realidade e é que seguimos tendo unha pandemia enriba nosa", conta Lenoa Busto, presidenta da comparsa dos Kilomberos de Monte Alto.

Logo de que o ano pasado non puidera celebrarse o Entroido, desta volta había aínda máis ganas de festa e troula, e este é o sentir entre os choqueiros. Apuntan que "xa estivemos un ano a secas e tiñamos ganas de festa". Tamén que "despois dos dous anos que levamos apetecía un pouco saír". Outros engaden que "isto é unha marabilla porque xa había dous anos que non saía e é unha alegría".

Nesta festa o disfrace por excelencia é o de choqueiro, que combina orixinalidade e improvisación a partes iguais. Uns raparigos describen os seus disfraces de pallaso asasino e de pallaso xusticeiro, mentres a nai di as ganas que tiñan todos de volver á rúa da Torre e de vivir o Entroido.

E o bo humor non está rifado coa crítica e as referencias a actualidade. Unha familia "de rusos" apunta que son "anti-Putin, pero pro-pacifistas dos rusos clásicos". E como non pode haber Entroido sen cocido, hai que decide levalo todo enriba con lacón, grelos, chourizos e viño sobre unha bicicleta.

E tras a festa choqueira A Coruña prepárase xa para despedir o Entroido o Mércores de Cinza co enterro da sardiña. 

 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Pódeche interesar