Publicador de contidos

A feira de Santos de Monterroso agarda recibir 20.000 visitantes

A feira de Santos de Monterroso agarda recibir 20.000 visitantes

Só se cancelou en dúas ocasións desde 1450

A feira de Santos deixa unha imaxe propia da prepandemia
G24.gal 01/11/2021 16:49

Tras a parada por mor da pandemia, este ano recuperouse a tradicional celebración da Feira de Santos de Monterroso. E regresa por todo o alto cos corredores entre os postos ateigados de xente.

A imaxe que deixa é propia da prepandemia xa dende primeira hora, aínda que con máscaras e distancias de seguridade. Máis de cincocentos postos ofrecen produtos da terra procedentes de todas as comarcas galegas. Monterroso conta recibir hoxe vinte mil visitantes. 

Volver celebrarse a Feira de Santos de Monterroso é un exemplo máis de que se vai recobrando a ansiada normalidade tras a pandemia.  Esta feira tradicional que, segundo o concello data de 1450, só se suspendeu en dúas ocasións, que se recorde: unha, pola gripe de 1918 e a segunda, polo coronavirus. 

Xente de todo o país acode a este concello da comarca da Ulloa para encher a despensa para todo o inverno. Máis de cincocentos feirantes ofrecen de todo, produtos da terra, e da mellor calidade: queixo de Chantada, noces, mel caseiro, pan de Carballo, polbo do Carballiño...

Feira de interese turístico galego, que aspira a selo nacional, é unha das citas ineludibles do outono que atrae a milleiros de persoas cada primeiro de novembro. Monterroso, con 3.600 habitantes, conta hoxe recibir 20.000 visitantes.
 

Publicidade
Publicidade
Publicidade