A fase de ascenso de Pontevedra e Fortuna pasa polo derbi (sábado, 16:15 na G2)
Os dous equipos chegan á cita nun gran momento sumando máis puntos ca ninguén na categoría nas últimas cinco xornadas
O filial do Celta pode consolidar o segundo posto e o Pontevedra manter o soño de xogar o play off
Partidazo o que se vai xogar este sábado en Pasarón entre o Pontevedra e o Celta Fortuna. Poderá verse en directo ás 16:15 horas na G2.
Quen lles ía dicir aos dous equipos hai uns meses que a cinco xornadas para o final terían este derbi loitando por remataren no segundo posto. O filial celeste mantén esa posición de privilexio desde a xornada 17 só superado polo poderoso Tenerife. O Pontevedra reaccionou nas últimas xornadas e coas vitorias diante da Ponferradina (3-1) e o Guadalaxara (1-4) volveu meterse no terceiro posto.
Rubén Domínguez: "A ilusión é meterse no play off pero o soño é ascender a Segunda División".
Fredi Álvarez: "Estamos moi ledos do que estamos conseguindo porque ninguén agardaba estar onde estamos nestos momentos".
Os números dos dous equipos son espectaculares. O Fortuna é o máximo goleador da categoría (55 goles) e o Pontevedra a segunda mellor defensa (24 encaixados) cunhas cifras que só supera o Tenerife. Nas últimas cinco xornadas ningún equipo acredita mellores números ca eles e chegan embalados ao treito decisivo.