Publicador de contidos

Publicador de contidos

A falta de socorristas pode atrasar a apertura de piscinas en pleno verán

A falta de socorristas pode atrasar a apertura de piscinas en pleno verán

A Federación de Socorrismo e Salvamento de Galicia advirte de que hai instalacións que tardarán en conseguir vixilantes

Os profesionais din que os salarios seguen sendo baixos e que moitos recean dun traballo de só dous ou tres meses

G24.gal 23/06/2025 14:36

Comezou o verán e todas as piscinas prepáranse para abrir... Todas? Non, hai instalacións que, a día de hoxe, aínda non contan cos socorristas que esixe a lei e que, polo tanto, non poden recibir bañistas. É un problema que se arrastra dende hai anos e que se está a notar con forza en distintos lugares de España.

En Galicia atopamos, xa, moitas piscinas abertas. Hai clubs privados, como o Círculo Mercantil de Vigo, onde iniciaron o proceso de contratación en marzo e xa teñen completas todas as prazas. De feito, aseguran que este ano lles sobraron candidatos.

"Fixemos un proceso de selección aberto e recibimos máis currículos ca a xente que contratamos", asegura o xerente do club, Alberto Peña.

"O que inflúe moito á hora de contratar xente son os horarios ou que non se lles poida adaptar o horario cando teñen que ir facer exames", pon como exemplo o coordinador dos socorristas do Mercantil de Vigo, Manuel Patiño, de Vannaid.

Pero a Federación de Socorrismo e Salvamento de Galicia alerta de que a escaseza de vixiantes segue sendo un problema. Os salarios non son moi altos, arredor de mil cincocentos euros brutos ao mes, e un grande obstáculo é que se trata dun traballo temporal, moi reducido no tempo: dous ou tres meses na maioría dos casos.

"Creo que se poden chegar a cubrir todos os postos pero case seguro que non se fai nin a tempo nin no período estipulado", asegura Andrés Piñeiro, da Federación de Socorrismo e Salvamento de Galicia.

"Si que houbo un par de anos que nos foi moito máis complicado conseguilos pero en realidade chegamos a telos sempre, nunca tivemos que pechar", relata Susana Conde, da Comunidade de Montes de Tameiga, en Mos, onde xa puideron abrir a piscina porque agora contan con socorristas que repiten cada verán.

A día de hoxe hai concellos que teñen en marcha a contratación de socorristas para este verán. Os que non puideron abrir xa as piscinas esperan facelo o 1 de xullo.

Praia ou piscina?

Non é a primeira vez que falamos das dificultades para atopar socorristas pero, ata agora, case sempre, fora en referenza ás praias. Son varios os concellos que, nalgún momento, non conseguiron vixilantes ou atrasaron moito a contratación do servizo. O traballo de socorrista é diferente, en varios sentidos, sexa nunha praia, nun río ou nunha piscina, tendo en conta ademais que as hai públicas e privadas. As condicións laborais son distintas e tamén o propio traballo en si. Vixiar unha piscina é, en principio, máis doado ca controlar unha zona de praia, onde os riscos son variados.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade