A falta de policías locais en Santiago provoca o peche do túnel do Hórreo
A infraestrutura estivo pechada na noite do mércores ao xoves porque non había ningún axente na sala de pantallas da comisaría
O Concello segue negociando con Policía Local e bombeiros
Na sala de control da Policía Local de Santiago cóllense chamadas, contrólanse radares e tamén as máis de 130 cámaras de Tráfico instaladas en toda a cidade. Normalmente debería haber tres axentes, pero dende hai un mes só hai un por quenda. O que lle tocaba a pasada noite pediu unha baixa repentina pola morte dun familiar moi achegado e, sen efectivos para cubrilo, optouse por pechar un dos puntos máis críticos para a circulación na capital: o túnel do Hórreo.
Xan Duro, concelleiro de Mobilidade, apunta que "o plan de autoprotección do túnel xa marca que, nestes casos, hai que pechar o túnel e foi o que se fixo". Explica que o acontecido "non é unha falta de seguridade, senón que se pechou por garantir esa seguridade".
Pechouse ás once menos vinte, e así pasou a noite. Pero ao abrir o día, a partir das sete, a situación complicouse e o atasco superou o quilómetro de lonxitude. Finalmente, abriuse ás oito menos cinco da mañá.
Trátase dunha infraestrutura vital, xa que por este túnel pasan máis de 35.000 coches ao día. Por iso, os partidos da oposición reclámanlle ao goberno local medidas urxentes.
Sindo Guinarte , do PSOE, cre que "non hai escusas" e que o Goberno municipal "ten que resolver este problema".
Gonzalo Muíños, edil non adscrito, cualifica a situación de "totalmente insostible" e reclama que o Goberno local a arranxe "xa".
Pola súa parte, Borja Verea, do PP, pregúntase "que máis ten que pasar". Recorda que xa van varias semanas "con incidentes gravísimos" e considera que hai "unha única culpable, que é a alcaldesa".
A nacionalista Goretti Sanmartín trata de negociar con Policía Local e bombeiros o pago de horas extra e a ampliación de efectivos, pero, polo momento, non hai acordo.